Ferrolterra, un patrimonio histórico-artístico pendente de se pór en valor

Mosteiro de San Fiz de Monfero

Fronte á opinión xeral, Ferrolterra, coma o resto da Galiza, ten unha grande riqueza histórico cultural. Acontece que está desaproveitada e sen pór en valor. Aínda así, moito deste patrimonio, embora carecer da necesaria protección e coidado, logra manterse en pé.

Ferrolterra conta cun pasado prerromano moi importante, onde nos podemos atopar con mámoas, castros ou calquera outro xoia arqueolóxica. Porén, non ten a necesaria sinalización informativa, co cal non se pode interpretar con xeito o que estamos vendo diante. Deste xeito é como esta bisbarra ten unhas insculturas pétreas [gravados en pedras en monumentos megalíticos] que moita xente descoñece, como aquelas que refere a revista eumesa Cátedra nun artigo aparecido en xuño do 1999 (nº 6), a saber: Pena Branca, entre os concellos de Monfero e Vilarmaior; Pena dos Mosqueiros en Gunxel (concello da Capela); Os Corregosos en Vilar de Mouros (A Capela) onde poderemos ver tamén Pena do Demo e Pena das Capas; Penas da Aira das Mallas (tamén na Capela) e por último a Pena do Gato situada no Couto do Gato no lugar de Ombre (Pontedeume).

 

Mais sen profundar moito neste pasado prerromano pasamos a outra época que tamén ten moita importancia en Ferrolterra e que deixou moitas pegadas como foi a época medieval, a Galiza dos Trastámara, que recuperou a Gallaecia Sueva despois do intento de incursión musulmá.

 

Esta recuperación da Gallaecia Sueva coloca o nome da Galiza como o reino cristián da península, mentres que no resto da península estaba o reino islámico. Esta época, que durou até a chegada dos Reis Católicos, deixou un patrimonio curioso e de grande importancia que na súa maioría tampouco está sendo tratado coa importancia que ten. Porque coñecer o noso patrimonio, coñecer a nosa historia é darnos valor como país, cunha historia e unha cultura próprias. É coñecernos a nos mesmos, quen somos.

 

Na bisbarra ferrolá hai mosteiros, castelos, torreóns, igrexas, vilas medievais, restos de murallas medievais, pontes medievais, muíños...etc. Un grande número de vestixios culturais que enraízan coa historia da Galiza e á que non se lles está a dar o valor que realmente entrañan. É ben irmos desterrando a idea xeneralizada de que a comarca, e a cidade de Ferrol concretamente, só existe dende a Ilustración. O que, porén, reflicte o patrimonio histórico-artístico é que hai máis historia por debaixo do que xa temos por sabido, do que só se recoñece. Alén do máis, o patrimonio cultural, como sabemos, non só nos fala da historia, senón que tamén pode constituír unha fonte de riqueza económica coa creación de roteiros, vieiros, museos, e as necesarias obras de rehabilitación de edificios e monumentos que teñen problemas para se manteren en pé.

 

O problema meirande para avanzarmos na protección deste patrimonio, e no seu coñecimento, radica en que en boa parte está en mans da Igrexa, que non fai nada por o conservar, e do Ministerio de Defensa, que tampouco.

 

Como exemplos deste patrimonio histórico-cultural medieval temos:

 

Mosteiros: San Martiño de Xuvia, Caaveiro (A Capela), Santa Catarina de Montefaro (Ares), Monfero...

Castelos: Narahio, Moeche, Andrade (Pontedeume), Casón (Ortigueira)...

Igrexas do Románico: Santa Olaia de Lures (Ares), San Miguel de Breamo (Pontedeume)...

Igrexas do Gótico: Ermida da Mercé de Chanteiro (Ares)...

Pontes romanas e medievais: consérvanse, só no concello de As Pontes, oito pontes destas épocas.

 

A vila de Neda ten un valor histórico moi relevante, embora aínda non se dispor dunha información suficiente. Con todo sabemos que nela (no seu consistorio) se conserva un dos escudos do antigo reino de Galiza.

 

É ben irmos desterrando a idea xeneralizada de que a comarca, e a cidade de Ferrol concretamente, só existe dende a Ilustración

 

Hai tres casos nesta enumeración que si se están a manter e si están a pór en valor: o Mosteiro de Caaveiro, que pertence á Deputación da Coruña, e que está situado nunha paraxe única como son as Fragas do Eume, un parque Natural, ben como tamén a Igrexa de Santa Catarina de Montefaro ou o Torreón dos Andrade en Pontedeume.

 

Mais hai tamén que recordar o grande espolio que sofreu Ferrolterra sobre o seu patrimonio cultural, como se pode aprezar ao visitar varios museo arqueolóxicos como o Castelo de San Antón (A Coruña) -onde vemos a grande cruz sobre o porco bravo (símbolo do Andrade)-, o Museo de Pontevedra -alí está oo "Tesouro de Bedoya" (prerrománico) que foi descuberto en Ferrol (entre A Graña e Doniños)- ou o Museo das Mariñas de Betanzos -onde podemos desfrutar da contemplación do disco de lousa que se atopou na parroquia de Covas (Ferrol) onde hai unha inscrición, que se cre poida ser a primeira vez, que aparece o nome de Trasancos.

 

Deste xeito a creación dun museo arqueolóxico na bisbarra sería de moito interese para coñecer a historia deste territorio e dala a coñecer ao resto do país.

 

Recollo unha verbas interesantes que dan a pensar o que está a ocorrer co noso patrimonio do artigo de Cátedra, xa nomeado antes, feito por J.J. Sobrino Ceballos e J.F. Correa Arias que di: "Para rematarmos, cómpre unha pequena reflexión sobre as institucións e persoas que estarían comprometidas no estudio e defensa do patrimonio histórico e cultural da nosa terra, no sentido de que, entrementres se adican moitos cartos e esforzos aclarexar realidades históricas ben coñecidas xa, o patrimonio arqueolóxico estase a perder polo abandono ó que está sometido. Neste sentido este trabalo non é máis ca un gran de area nun extenso deserto aínda sen investigar, incluso na comarca do Eume; porque sabemos que hai outros moitos xacementos arqueolóxicos, uns que non citamos porque están a ser investigados por outras persoas e outros aínda sen estudiar, e mesmo sen descubrir, con evidente risco de desapareceren para sempre."

 

Nota: Na fotografía que vai inserida no meio do texto aparece a Torreón dos Andrade en Pontedeume