Ferrol: Porta Nova vs. Praza de España

No pleno municipal do dia 29 do mes pasado na cidade de Ferrol debateuse a mudanza de nome da Praza de España polo que foi o seu topónimo tradicional -Porta Nova- antes de ser alterado pola ditadura franquista. As vésperas do pleno estiveron marcadas polo ataque ao mural co que a Fundaçom Artábria celebrou o centenario das Irmandades da Fala. 

A moción levada a pleno pola Fundaçom Artábria -co apoio do BNG- pedía unha restitución da memoria da cidade fronte a unha imposición franquista do nome da praza, unha praza que é a entrada á cidade, e que aínda conserva a placa conmemorativa da súa inauguración no ano 1953. Comezou o pleno coas palabras de Bruno Lopes, representante da Fundaçom Artábria, argumentando os porqués desta moción, as razóns en virtude das cais debe ser restituído o seu nome histórico, exemplificando con noticias da prensa do momento como era chamado ese mesmo lugar antes do cambio ilexítimo de nome. Lopes alegou que noutras cidades galegas tamén se impuxera o nome de Praza de España para espazos urbanos senlleiros e que felizmente foron quen de restauraren as denominacións lexítimas: Lugo regresou a súa Praza Maior e Compostela ao seu Obradoiro.

 

O BNG defendeu esa restitución da memoria, así como tamén reivindicou a importancia do debate. Unha relevancia que outros grupos municipais negaron, co argumento de que estes temas non son os que preocupan a cidadanía. Iván Rivas, o portavoz nacionalista, veu dicer que se non tivese importancia non teríamos visto chíos alusivos ao asunto como o do portavoz de Cs, Juan Carlos Girauta.

 

Cs e o PP basearon o seu "non apoio" co argumento de que esta moción é unha provocación e que o único que anima o grupo municipal que a promove, o BNG, é o seu "sentimento anti-español" sectario. Alegaron tamén que xa existe unha Porta Nova, dentro do bairro do Inferniño e que leva ese nome de cando se colocou, non hai moitos anos, na Avenida das Pías un monumento a esa "porta nova" que estaba colocada varios metros mais alá do que está a actual. A portavoz de Ciudadanos chegou a afirmar que a Praza de España nunca se chamou Porta Nova.

 

Por parte do PSOE, Beatriz Sestayo dixo que se ben polas súas conviccións políticas ou de conciencia podería pedir o cambio de algúns nomes de rúas prefire que a cidade busque outros consensos sobre o traballo, o económico, etc...

 

O portavoz de grupo do goberno de Ferrol en Común, Álvaro Montes, di que o grupo municipal está de acordo na formulación política, mais que está condicionado polo plan administrativo, xa que todo cambio de nome de rúas leva un estudo preliminar por Normalización Lingüística, logo pasaría a Cultura e tería de voltar ao pleno municipal. Que teñen vontade de facer eses cambios, mais teñen tamén unha obrigación administrativa que cumprir.

 

Todos os grupos políticos no comezo das súas intervencións condenaron o ataque ao mural da Fundaçom Artabria.

 

A moción foi rexeitada con 11 votos en contra, 9 votos a favor e 3 abstencións. As e os promotores da iniciativa ficaron relativamente satisfeitos, pois o resultado deixou en evidencia as estimacións da portavoz do PP, quen espetou no pleno que a moción só iría ter un voto a vavor.

 

Nos dias anteriores ao pleno, e segundo puido saber Sermos, houbo algún medio de comunicación que propuxo unha enquisa para saber se os ferroláns consideraban necesario mudar o nome a Praza de España, a votación estivo moi axustada, mais finalmente gañou o si por moi pouca vantaxe. Algo que non saíu a luz, non publicitaron o resultado.

 

En todo caso, a restitución da memoria e a normalización da toponimia (Puentedeume, Molino del Viento, Cuesta de Mella...) continúa a ser materia pendente en Ferrol. Unha cidade que non se recoñece a si mesma, que só vive a través dunha parte da súa historia, non pode loitar coas súas pantasmas. En Ferrol continúan a existir residuos da ditadura como a estatua a Camilo Alonso Vega (Ministro da Gobernación, entre os anos 1957 e 1969) no bairro de Caranza, ou como é a própria placa de inauguración da praza en cuestión.