Ferroatlántica, condenada por vulnerar o dereito de folga do seu cadro de persoal

A empresa ditara uns servizos mínimos perante a greve de xullo pasado que a CIG considerara claramente abusivos. O xulgado do social número 1 da Coruña dá agora a razón á central nacionalista. Ferroatlántica ten que indemnizar a CIG con 25.001 euros en conceito de danos morais decorrentes da vulneración de dereitos fundamentais.

O 8 de xullo pasado, as fábricas de Cee, Dumbría e as centrais eléctricas de Ferroatlántica foron o cenario dunha greve de 24 horas, dentro das mobilizacións convocadas para impedir a segregación de activos que pretendía a empresa (e que, froito da presión social, a Xunta acabou por non autorizar). De acordo coas estimacións da CIG, os planos da compañía puñan en perigo até 400 postos de traballo.

 

A empresa combateu o paro estabelecendo uns servizos mínimos que a CIG estimou desde un primeiro momento como abusivos. O asunto foi levado pola central nacionalista á xustiza. Un xulgado da Coruña acaba de atender os argumentos da parte social -para a cal a compañía de Villar Mir non tencionaba outra cousa que impedir o dereito de greve-, anula os servizos mínimos e condena Ferroatlántica a abonar á CIG unha indemnización de 25.001 euros polos danos morais causados pola vulneración dos dereitos das e dos traballadores [na demanda, a central nacionalista solicitaba 100.006 euros].

 

Nun comunicado de imprensa, a CIG explica que a representación do cadro de persoal formulara unha proposta de servizos mínimos que á vez que garantía o maior grao posíbel de participación na greve aseguraba tamén o cumprimento dos requisitos "estabelecidos na lexislación" con vistas a manter "un servizo de seguridade e mantemento das instalacións para que, unha vez rematada a xornada de folga, se puidese reiniciar a actividade con toda normalidade".

 

A empresa rexeitou a proposta e, segundo a parte social, impuxo unha xornada de traballo con máis persoal que un día ordinario, feito que o xuíz estima probado. O maxistrado entende que a empresa non acreditou con suficiencia as súas razóns -argumentaba que se baixaba a produción se podía pór en risco o compromiso de interrompibilidade [o consumo mínimo que ten contratado con Rede Eléctrica de España na súa condición de grande consumidor de enerxía] e se exporía a hipotéticas sancións- e, ao tempo, estima que as alegacións formuladas pola compañía simplesmente disfrazan a súa vontade "de manter un nivel de rendemento igual ou similar ao de calquera outra xornada na que non se tivese declarado folga".