Mantense o disenso con Defensa do Común sobre a reversión gratuíta

Ferreiro encarrega un informe previo á convocatoria da consulta popular sobre a fachada marítima

O complexo da Solana e o Hotel Finisterre

O referendo impúlsao a Comisión Aberta pola Defensa do Común, que reuniu xa máis de 5.000 asinaturas, mais formalmente quen o convocaría sería o concello. De acordo coa Lei de Bases do Réxime Local, a consulta tería de ser autorizada polo Goberno central.

O regulamento de participación cidadá do concello da Coruña, aprobado en 2004 durante os gobernos de Francisco Vázquez (PSOE), contempla a realización de consultas populares.

En concreto, o artigo 10 do regulamento indica que "previo acordo do Pleno por maioría absoluta" a Alcaldía pode "submeter a consulta popular os asuntos da competencia propia municipal e de carácter local que sexan de especial importancia para os intereses dos veciños, salvo os relativos á Facenda local".

Di tamén o regulamento que a consulta en todo caso se terá de axustar "ao procedimento estabelecido pola lexislación do Estado en materia de referendo".

Como queira que na lexislación española a convocatoria de consultas (sempre consultivas) é competencia do Estado, o concello da Coruña tería de obter unha autorización por parte do goberno central (tal e como o prevé a lei de bases do réxime local).

Estes son os termos xurídicos da cuestión e nese marco Xulio Ferreiro (Marea Atlántica) acaba de solicitar á Asesoría Xurídica do concello un informe a respeito dos pasos a seguir para formalizar a convocatoria.

"O informe que se obteña servirá para marcar a folla de rota a seguir de cara a poder levar a cabo este proceso que se desenvolverá da man da ciudadanía", indicou o alcalde.

Ferreiro quer negociar co Estado

Procedimento á marxe, existe un disenso entre a posición da Comisión Aberta pola Defensa do Común e a equipa de Ferreiro. Aquela pede a reversión gratuíta ao concello de todos os bens públicos que a Autoridade Portuaria e o Ministerio de Defensa queren subastar na cidade (a comezar polo complexo deportivo de A Solana e o Hotel Finisterre), en tanto que o goberno local se mostra favorábel a unha negociación cos entes estatais (oferece o pagamento de 1,4 millóns de euros por A Solana, o seu prezo de taxación).

Froito desa negociación, o concello conseguiu a paralización temporal da poxa de A Solana, freando polo momento a intención do porto da Coruña de vender o complexo a unha imobiliaria por 10 millóns de euros.

"Por que A Coruña ten de ser a única cidade que poña fondos propios para a realización de obras de interese xeral pagas noutras partes do Estado pola Administración central? O que é público e é produto do botín de guerra como os terrenos de A Solana ten que voltar a ser público sen o pagamento dun só euro", afirman desde Defensa do Común.