Día da Internet Segura

Fernando Suárez, enxeñeiro informático: "Temos que ser referentes no uso das redes e internet"

Fernando Suarez é presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática da Galiza. (Foto: Nós Diario)
No Día da Internet Segura o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática da Galiza advirte da responsabilidade da sociedade adulta á hora de fomentar un uso seguro, responsábel e positivo das tecnoloxías dixitais entre crianzas e mocidade. 'Nós Diario' conversa ao respecto co seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo.

—Estámonos adaptando ben ás tecnoloxías dixitais e a todas as mudanzas que implican?
Tendo en conta os cambios que supuxo a nivel social, cultural, económico, educativo a entrada masiva de internet nas nosas vidas, non nos estamos adaptando mal. Se botamos a vista atrás, en 20 anos o mundo transformouse de man da tecnoloxía como nunca antes en tan pouco tempo de forma tan brusca. Pero é certo que nalgún colectivo, como o dos mais novos, estamos a delegar toda a responsabilidade que non asumimos os adultos. Aí si que estamos a fallar, na educación, concienciación e sensibilización da rapazada. Tal vez por desleixo: dos pais no sistema educativo e do sistema educativo no ámbito familiar, e creo que aquí deberiamos de colaborar todos. De aí o lema deste ano do Día da Internet Segura: 'Xuntos por unha Internet mellor'.

—En que nos estamos a equivocar coa cativada?
En primeiro lugar fallamos no concepto de nativos dixitais. Non por iso veñen aprendidos, hai que educalos e hai que acompañalos. E fallamos tamén en pensar que saben moito máis ca nos. Non saben máis ca nós. Fan un uso máis próximo da tecnoloxía porque é parte das súas vidas desde o minuto cero, pero nós, aínda sen contar con todos os coñecementos tecnolóxicos podemos darlles consellos, pautas de uso e experiencias vitais. Isto é algo que debemos saber transmitirlles. 

Hoxe en día ser pai ten esta responsabilidade e o primeiro que debemos facer é predicar co exemplo, ser referentes no uso das redes e amosar un comportamento crítico no uso da Internet. Se nunha comida familiar os pais usamos o móbil, as crianzas van ver iso como algo lóxico. Se compartimos toda a vida dos fillos e fillas desde que nacen e logo lles pomos restricións é un contrasentido. Hai que implicarse. Da mesma maneira que lles interesamos por con quen estiveron xogando no colexio ou quen son os seus amigos, temos que saber quen o son nas redes sociais. Temos que estabelecer un clima de diálogo e confianza na casa, facerlles ver que con calquera dificultade, problema ou síntoma de acoso poden acudir a nós.

—Que papel xoga a escola neste exercicio de responsabilidade?
Na medida en que a tecnoloxía é parte do sistema educativo, o seu papel é fundamental. Non abonda con poñer unha serie de ferramentas a disposición do alumnado, é importante aprenderlles a usalas pero tamén explicarlles como funciona a tecnoloxía, como se constrúe, que implicacións ten. A escola debe estimular o espírito crítico do alumnado, aprenderlles a contrastar fontes, a defender ideas, a que busquen apoios ou réplicas a estas ideas co apoio das ferramentas dixitais. 

—Temos capacitación abonda para acompañar a rapazada neste proceso?
Temos que implicarnos e formarnos máis, pero tamén é certo que dispomos de máis ferramentas das que somos conscientes. A primeira e máis importante neste ámbito é o sentido común. Cando eu publico un contido en internet perdo por completo o control sobre quen accede e que uso pode facer del. Pero hai outra serie de consellos técnicos ao alcance de pais, nais, titores e profesorado. Non usar software pirata, actualizar os sistemas operativos e  aplicacións, ter un bo antivirus. Son cuestións fundamentais, accesíbeis e fáciles de implantar. E ofrecen unha gran seguridade. Ao igual que os contrasinais, non hai que usar chaves de acceso que sexan unha data, unha palabra; tampouco hai que compartilas nin usar a mesma para distintos servizos. A moieda de cambio en internet non é un pago económico, son os nosos datos. Temos que ser conscientes do valor que teñen e protexelos.

'Ciberseguridade con Sofía'

"É fundamental que a rapazada sexa consciente da importancia que toma Internet na súa vida, mais tamén que hai unha serie de riscos que deben coñecer para minimizar o seu impacto". Con este obxectivo, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática editou en 2021 en colaboración coa Xunta un conto adaptado ás crianzas.

"Ciberseguridade con Sofía é un conto adecuado a rapaces e rapazas de 7 a 12 anos na súa temática, linguaxe e imaxe; para que poidan ter un primeiro contacto cun uso positivo das tecnoloxías dixitais, pero tamén cunha ferramenta que lles permita guiar este cambio na escola e na familia", di Fernando Suárez. "Se hai contidos sobre seguridade tecnolóxica para nenos e nenas é porque é necesario. "Por iso cómpren días como o de hoxe, para remarcar a importancia da seguridade e a privacidade en Internet".