Fernando Mosteiro, coordinador de transplantes do CHUAC: "Hai que seguir a rebaixar as negativas, sen doantes non hai transplantes"

Fernando Mosteiro xestiona as doazóns e transplantes do CHUAC. (Foto: CHUAC)
Desde que en 1981 se realizou o primeiro transplante de órganos na Galiza, de ril, na Coruña, os hospitais galegos rexistraron máis de 3.100 persoas doantes e 9.000 transplantes. No Día Mundial da Doazón de Órganos, Tecidos e Transplantes, 'Nós Diario' conversa co responsábel da Oficina de Coordinación de Transplantes do CHUAC, Fernando Mosteiro.

—O CHUAC é un dos hospitais do Estado con maior actividade de doazóns e transplantes. Que balance fai do que vai de 2022? 
O balance é positivo a respecto dos dous anos previos, mais sen esquecer onde estamos. No mes de xaneiro só puidemos facer tres transplantes, cando habitualmente facemos entre 20 e 30 ao mes, o que nos leva unhas cifras de entre 220 e 250 transplantes ao ano. Debido a ese descenso inicial, por mor da tensión hospitalaria derivada da pandemia, imos rexistrar unha cifra menor, pero o balance é positivo na segunda metade, porque recuperamos a actividade regular e se hai doante hai transplante.

—Na Galiza cada área sanitaria xestiona as súas propias doazóns, pero non todos os hospitais realizan transplantes nin todos os órganos doados quedan aquí.
Todos os hospitais grandes teñen coordinación de transplantes mais só hai dous centros autorizados para facelos: o de Santiago, que transplanta fígados, riles e páncreas, e o da Coruña, que ademais transplanta corazóns e pulmóns. Cando xorde un doante na Galiza, ponse en coñecemento da Organización Nacional de Transplantes. Se non hai urxencias no ámbito estatal, quedan na comunidade. Cando se trata de órganos compartidos, temos un sistema de quendas: vai un para un Santiago o seguinte para A Coruña. Mais, se a persoa doante está nalgún destes dous centros e non hai urxencias, os órganos quedan no propio hospital.

—Hai moitas persoas á espera dun transplante na Galiza?
Existe unha lista de espera, pero non é unha lista de agarda convencional. Son listas que priman a situación clínica do doente, que é a que a que marca a prioridade á hora de recibir un transplante. En canto ao tempo de agarda, é moi variábel e ningunha medida é moi útil. A lista de espera máis grande que temos é a de ril. Hai entre 150 e 200 persoas en agarda. No resto, na listas de fígado, corazón e pulmón, temos entre 8 e 12 persoas en listas de espera, polo que no prazo de cinco ou seis meses todas estarán transplantadas. Pero a demanda é alta.

—E o número de órganos dispoñíbeis non abonda. Mudou a sensibilidade da poboación e a negativa das familias á doazón?
Cambiou moito na última década. Galiza era un dos territorios, se non o que máis, coa cifra de negativas máis alta. Entre os 90 e os 2000 estaba perto de 30%. Hoxe estamos en 14%. De cada 100 persoas que se entrevistan 14 rexeitan a doazón. No CHUAC esa porcentaxe baixa até 6%. As expectativas son boas, cada vez hai menos tabús, pero non estaremos cómodos até rebaixar a cero as negativas, até que a poboación entenda que dicir 'non' a unha doazón significa a perda de até sete órganos que poden salvar outras tantas vidas. Se non hai doantes non hai transplantes. 

Temos dous pulmóns, dous riles, un fígado, un páncreas e un corazón. Un doante novo e sen patoloxías pode doar eses sete órganos, un máis maior igual pode doar só dous ou tres. De media, unha persoa que doa os seus órganos salva entre tres e catro vidas.

—Mudou o perfil das doadoras?
Cambiou polo tipo de falecementos que temos. Hai 20 anos o doante medio era un varón novo, menor de 40 anos, que falecía a  causa dun accidente de tráfico.  As campañas de tráfico e a mellora nos vehículos e na atención sanitaria conseguiron que este tipo de doante sexa case residual. O perfil do doador maioritario é o dunha persoa de 60 ou 65 anos que falece a causa dun accidente cerebrovascular, isquémico ou hemorráxico.

Novas técnicas ao servizo das doazóns

A evolución tecnolóxica experimentada nos últimos anos, extrapolada a distintas ciencias e de forma concreta á medicina, favoreceu a incorporación de novos dispositivos que "benefician a todo o mundo" ao tempo que "dificultan cada vez máis os transplantes". Antes se non aparecía un doante a tempo a persoa falecía, hoxe, explica Mosteiro, hai sistemas que permiten aguantar o receptor nunha situación moi complicada durante días, incluso meses, até que aparece un órgano compatíbel".

Outros avances xa consolidados son as doazóns en asistolia e os transplantes de doantes vivos. "Até hai un ano extraíanse fígados, pulmóns, riles e páncreas a corazón parado, pero non corazóns. Agora tamén, e nós xa sumamos dous". Máis habituais son os transplantes de ril de doantes vivos, "calquera persoa por debaixo dos 70 anos sen patoloxías e boas condicións físicas". "Está demostrado que a supervivencia é igual ou mellor que a dos transplantes de doadores falecidos, e que a calidade de vida do doante  é igual a do resto da poboación".