Fernando Lacaci, presidente Confederación Anpas galegas: “A Consellaría de Educación non pode xogar coa vida e coa saúde da cidadanía galega"

Fernando Lacaci, presidente Confederación Anpas galegas (Nós Diario)

O protocolo de actuación para frear a expansión da pandemia nas aulas que presentou a Consellaría de Educación non gustou a ninguén na comunidade educativa. Primeiro os sindicatos e agora desde a Confederación Anpas galegas explican as razóns polas que temen polo que poida acontecer cando comece o novo curso no mes de setembro.

Como lles chegou o protocolo da Consellaría?

Chegounos primeiro polas redes sociais. A mesa sectorial foi a quinta feira e a Consellaría envióunolo o día anterior. A impresión xeral do protocolo, para nós, é que é unha forma de darlle cobertura á realidade do que a Consellaría quería facer.

Revolveron as instrucións sanitarias e as necesidades reais das rapazas e rapaces para que se adaptaran ás súas normas que era non modificar absolutamente nada dos estándares de ensino ordinario que se estaban dando. O protocolo fala, estritamente, de aspectos sanitarios e ambientais. Da parte educativa e académica non fala absolutamente nada.

Que di o protocolo?

O que di o protocolo enteiro, case 100 páxinas de palabrería, é que as aulas están ben como están. Non hai razón para movelas. Se se pode manter a distancia mínima que eles marcan ben e se non que se empreguen máscaras. En todo caso non se vai a aumentar nin diminuír a cantidade de alumnado por aula, nin aumentar docentes, nin aumentar as aulas.

Faino cun atraso de semanas para facelo coincidir co remate das eleccións

Faino cun atraso de semanas para facelo coincidir co remate das eleccións. Sabían que esta animalada que sacaban sería contestada por toda a comunidade educativa, como así é. Primeiro gañan as eleccións cun discurso e logo fan unha realidade con outro contrario.

Que lles pareceu?

Condenan á mocidade, ao profesorado, tamén ás familias e á propia sociedade ao contaxio colectivo se realmente se volve a dar unha situación como a que moita xente prevé e como estamos vivindo. Agora mesmo din que a problemática vén de reunións colectivas sempre e esta xente que temos xestionando a educación galega nos di que podemos ter o alumnado na aula separado por un metro. Non de ombreiro a ombreiro... de cabeza a cabeza! Iso non é nada.

Invito a calquera para que faga a proba de trazar unha cuadricula de 1 metro e sente unha persoa en cada unha. Conduce ao contaxio inmediato, sen ningunha dúbida. É contraditorio co que nos están dicindo á cidadanía cando falan de 1,5 metros como distancia de seguridade que ten que gardar o profesorado na sala de profesores... e o alumnado só ten que gardar 1 metro e pretendendo que miren constantemente ao fronte! É como un insulto! No momento en que alguén do alumnado se volva rompeuse toda a dinámica.

Convido á conselleira que estea cinco horas mirando cara adiante, sen moverse en absoluto

Fiar todo o futuro á inconsistencia de rapazas e rapaces moi novos. Convido á conselleira que estea cinco horas mirando cara adiante, sen moverse en absoluto, nin para os lados nin para atrás... en alumnado de entre 6 e 16 anos.

O que se vai a producir é unha situación de absoluta inseguridade, máis que probábeis contaxios e a imposibilidade real de dar aulas. Entre o profesorado hai unha sensación de medo sanitario, algo razoábel. Tamén acontece coas familias.

Todo se reduce a que é un tema de diñeiro. A Consellaría non quere gastar un peso. Quere que gardemos as medidas sanitarias e non sei como, disfrazando a situación para non gastar un céntimo.

Explicaron se ten unha base científica este protocolo?

O punto complicado deste protocolo está nese metro de distancia na aula. Baséase en que é unha recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) que estabelece esa distancia como posíbel en situacións académicas mais é unha advertencia interpretábel que non está a ser aplicada en ningunha parte do noso territorio.

Agarráronse a unha recomendación da OMS que descoñezo en que contexto se realizou

A distancia de seguridade que se nos marca en todos lados é de 1,5 metros. Se vas ao cine ou a outro espectáculo é esa a distancia mínima. Non sei se terá base legal na medida en que non hai unha norma ríxida polos cambios que hai cada día. Agarráronse a unha recomendación da OMS que descoñezo en que contexto se realizou.

Que outras medidas estabelece coas que non coinciden na Confederación?

Tamén estabelece separación de entradas e saídas, direccións de paseo dentro do propio centro, para que a xente non vaia e volva polo mesmo lugar. Tamén recreos alternativos para que non se acumulen. No papel está ben, agora se ti tes un corredor de 1,5 metros de ancho... como garantes unha distancia entre dúas persoas que pasen á vez? E estou sendo xeneroso que os corredores das escolas na súa maior parte non chegar a 1,5 metros de ancho. Se tes unha única porta na aula... como entras e saes por un lugar distinto?

Por non falar de moitos centros de ensino que só teñen unha porta de acceso ao interior. Terán que facer unhas rehabilitacións estrañas.

A realidade é que hai unha poboación de 500 ou 800, chegando nas áreas urbanas até 1.000 alumnas e alumnos... que queren regulalo con estas páxinas e a inmensa capacidade que poidan ter as direccións dos centros escolares.

A realidade dun centro escolar é a mesma que a dun partido de fútbol e moi lonxe dun cuartel que é o que pretende fixar este protocolo

O verdadeiro problema é que aparenta estar feito por persoas que nunha na súa vida estiveron nun centro escolar, non teñen fillos e non saben nada deste ambiente. A realidade dun centro escolar é a mesma que a dun partido de fútbol e moi lonxe dun cuartel que é o que pretende fixar este protocolo.

Non se dá conseguido que a poboación adulta siga na súa totalidade as normas canto máis na poboación escolar. Non podes estabelecer medidas que dependan do cumprimento individual.

O protocolo indica tamén unha situación tan absurda como que alumnado e profesorado ao entrar no centro teñen que autodiagnosticarse... dicir se teñen ou non síntomas... quen o sabe? Podes ter calquera cousa que non o sexa.

Que alternativa propón a Confederación?

Os centros son os que son. O problema está na saturación dos centros escolares. Na Galiza hai centros no rural que non teñen problemas de espazo e non terán problema para estabelecer un protocolo. Os que saen perdendo son os centros urbanos e das vilas.

Queira ou non a Consellaría fai falla moito máis profesorado

Como nos centros non collen terían que entrar menos nenos e para iso necesitas ou entrar por quendas, habilitas novos espazos ou traballar máis na casa. Para todo isto precisas máis profesorado. Queira ou non a Consellaría fai falla moito máis profesorado.

Logo está o problema de conciliación das familias que habería que resolver con permisos retribuídos.

Que resposta desde a Confederación se pensa dar a este protocolo?

De maneira directa recomendamos ás Anpas que non organicen actividades en horarios non lectivos. Tamén se nos exixe protocolos específicos. De cara o aspecto lectivo nós non temos capacidade nese horario. Apoiaremos todas as mobilizacións que o profesorado poida facer. Coincidimos e pensamos que ten que ter unha resposta moi contundente por parte da comunidade educativa.

Apoiaremos todas as mobilizacións que o profesorado poida facer

A Consellaría de Educación non pode xogar coa vida e coa saúde da cidadanía galega. Das nosa fillas e fillos e indirectamente de todos nós só porque non teña diñeiro. É relativamente soportábel todos os recortes que tivemos estes anos mais agora comezamos a xogar coa saúde.