Fernán Vello pide ao Ministerio que baixe a nota de acceso ás bolsas universitarias

O deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, acusa o Ministerio de Educación de obstaculizar o acceso á educación, dereito universal, endurecendo os criterios para acceder a bolsas e ínstao a que dea marcha atrás.

O Ministerio de Educación publicou o pasado sábado 22 de xullo no apartado de Disposicións Xerais do BOE o Real Decreto 726/2017 no que se establecen os umbrais de renda e patrimonio familiar, ben como as contías de bolsas e axudas ao estudo do vindeiro curso. Fernán Vello salienta entre as modificacións realizadas a subida da nota media requirida que pasa dun 5,5 a un 6,5. “O Goberno aproveita para endurecer aínda máis os criterios para que os estudantes se beneficien dunha bolsa universitaria, dificultando dese xeito o acceso universal á educación pública”, declara.

 

O deputado de En Marea apremia o Ministerio a facer as modificacións pertinentes e publicar no BOE unha corrección. “Se a intención do Ministerio é que permaneza na nota do 5,5 como até o de agora, pois aclare a lexislación a fin de evitar ambigüedades”, apunta. Fernán Vello salienta tamén que esta mudanza dáse cando xa o anterior ministro de Educación practicara un “tesourazo importante” na materia de bolsas e axudas ao estudo modificando criterios de acceso a bolsas e pagando con retraso as contías das axudas.

 

“As bolsas e axudas ao estudo son un elemento esencial en momentos de crise económica (...) para garantir a igualdade na educación”, afirma o deputado. Dende En Marea instan o Ministerio non só a corrixir esta situación senón tamén a replantexarse toda a política de bolsas para garantir o acceso universal á educación.