Fernán Vello interésase polo achegamento dos e das presas independentistas galegas

Cadea humana en solidariedade coas presas independentistas galegas

O deputado de En Marea rexistrou unha iniciativa no Congreso na que cuestiona o Goberno socialista sobre a dispersión penitenciaria

Após terse materializado a achegamento dos e das presas políticas catalás, o deputado de En Marea, Miguel Anxo Fernán Vello, apresenta un escrito ante o Congreso dos Deputados no que cuestiona o Executivo sobre a situación dos e das independentistas galegas recluídas en cárceres españois. Segundo explica, a lei orgánica xeral penitenciaria sinala que se debe aproximar as persoas internas á súa área territorial para evitar “o desarraigo social das penadas”, en liña coas recomendacións da Unión Europea.

 

"A raíz do achegamento das presas políticas a cadeas en Catalunya queremos formular a necesidade de aproximar as presas de ideoloxía independentista galega que se atopen en diferentes prisións do Estado español”, declara Fernán Vello, após nomear directamente Roberto Rodríguez Fialhega (Dueñas, Palencia), Raúl Aguilheiro Cartoi (Villabona, Asturias), Eduardo Vigo Domínguez (Ocaña, Toledo), Maria Osorio Lopes (Mansilla de las Mulas, León), Adrián Mosquera Pazos ‘Senlheiro’ (Mansilla de las Mulas, León) e Carlos Calvo Varela (Villabona, Asturias).

 

“En Marea non comparte a política de dispersión das persoas presas porque vulnera dereitos humanos básicos e as políticas represivas e reaccionarias non son as máis axeitadas para impulsar políticas de reinserción social e persoal das persoas penadas”, afirma Fernán Vello. Ao tempo, o deputado especificaba que Galiza contaba coas infraestruturas e prazas necesarias para albergar as persoas penadas. Segundo expresa o político no texto, a “condena política da dispersión” non só promove o “desarraigo social das penas” senón que supón “un castigo engadido para as familias” ao provocar numerosos accidentes de circulación ou dificultades económicas ligadas ao alto custe de desprazamento que supón o internamento das presas en centros penitenciarios lonxe do seu país.

 

Recomendacións da Unión Europea

 

Tal e como indicara, a Comisión de Liberdades Civís, Xustiza e Asuntos Interiores do Parlamento Europeo insta os Estados membros a garantir o contacto das persoas presas coas súas familias –entendidas nun senso amplo– aloxándoas en centros próximos aos seus domicilios e facilitando o contacto.