Ferido un mozo na Coruña pola explosión da batería dun patinete eléctrico

patinete eléctrico (Foto: Nós Diario)
Foi trasladado en ambulancia ao Chuac.

Un mozo de 17 anos de idade resultou ferido nas últimas horas como consecuencia da explosión da batería dun patinete eléctrico, que causou un pequeno incendio nun inmóbel da cidade da Coruña. Segundo informaron o 112-Galiza e Urxencias Sanitarias-061, os feitos ocorreron contra as 22.30 horas nunha vivenda da avenida de Finisterre. Un particular alertou a Emerxencias de que se producira esa explosión e que un compañeiro resultara ferido.

O CIAE 112 puxo sobre aviso os servizos sanitarios e os Bombeiros da Coruña, así como a Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil. Unha vez no lugar, os efectivos de emerxencias comprobaron a explosión da batería do patinete, e que a onda causara a rotura dunha xanela e un pequeno lume que provocou acumulación de fume no interior do inmóbel.

Como consecuencia do incidente, o menor resultou ferido leve e foi trasladado nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Alén da rotura da xanela, a explosión tamén causou danos nunha cadeira e outros obxectos que se atopaban próximos ao patinete eléctrico. Os Bombeiros extinguiron o lume e ventilaron a vivenda.

Incendio na Estrada

Por outra parte, o 112-Galicia tamén informou dun incendio rexistrado nunha casa da Estrada (Terra de Montes), onde ardeu practicamente na súa totalidade unha casa de madeira situada no lugar de Patanín, na parroquia de Santeles.

A chamada de alerta produciuse sobre as 4.30 horas da madrugada e a persoa que avisou a Emerxencias relatou que o fogo comezara na cheminea da vivenda e que se estendera rapidamente. Os dous ocupantes da vivenda conseguiron saír ante de que a situación empeorase.

O 112-Galiza deu aviso aos Bombeiros de Silleda, o GES da Estrada, Garda Civil e Protección Civil. A intervención saldouse sen danos persoais, só materiais.