Ferido grave o condutor dun camión cisterna que perdeu 5.000 litros de gasóleo na AP-9 ao seu paso por Oroso

A autoestrada AP-9 ao seu paso por Compostela. (Foto: Arxina)
O home tivo que ser trasladado en helicóptero a un centro hospitalario.

A envorcadura dun camión cisterna á altura do quilómetro 55 da AP-9, ao seu paso por Oroso (comarca de Ordes), provocou a perda de 5.000 libros de gasóleo e deixou o seu condutor ferido de gravidade.

Segundo informaron fontes da central de emerxencias do 112 citadas pola axencia Europa Press, varios particulares alertaron do accidente contra as 16.25 horas desta sexta feira e avisaron de que había unha persoa no interior do vehículo atrapada. De feito, debido ao impacto, o condutor, que resultou ferido de gravidade, tivo que ser excarcerado para o seu traslado en helicóptero a un centro hospitalario.

Ademais, o vehículo, que transportaba gasóleo, perdeu uns 5.000 litros deste combustíbel, o que provocou a activación do Plan de Protección Civil ante accidentes no transporte de mercadorías perigosas (Transgal), aínda que as mesmas fontes sinalaron que a vertedura xa foi controlada.

Até o lugar desprazáronse efectivos do servizo de Urxencias Sanitarias da Galiza-061, os Bombeiros de Ordes e Santiago, a Garda Civil de tráfico e Protección Civil. Ademais, conforme detalla a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), o accidente provocou retencións na zona, onde a circulación é irregular.