Ferida en Cambados unha condutora após impactar un parafuso contra o parabrisas do seu coche

Aspecto do vehículo após o impacto. (Foto: Europa Press)
Desprendeuse do camión que conducía diante na estrada VG-4.2.

Unha condutora resultou ferida na tarde desta pasada cuarta feira en Cambados (O Salnés) despois de que un parafuso impactase contra o parabrisas do seu coche, sen provocar que máis vehículos se visen implicados no suceso.

Tal como informou o 112-Galiza, foi a propia implicada a que alertou os servizos de emerxencia, explicando que fora ferida na cara despois de que o parafuso, que se desprendeu do camión que circulaba diante dela, acabase rachando o cristal do seu vehículo.

O suceso produciuse na estrada VG-4.2 ao seu paso por Cambados e foi o propio Servizo de Emerxencias da localidade o que socorreu a muller. Na intervención tamén colaborou o 061 e a Garda Civil de Tráfico.


Retencións na AP-9 por varios accidentes sen feridos

Por outra parte, varios accidentes rexistrados na AP-9 á saída de Vigo provocaron retencións na autoestrada na mañá desta quinta feira. Tal como informaron fontes do 112 a Europa Press, un dos choques ocorreu sobre as 9 horas e foi unha particular implicada nos feitos a que alertaba os servizos de emerxencia.

Segundo relataba, tivera un accidente por alcance na ligazón da AP-9 coa estrada N-552, á altura de Redondela e en dirección Pontevedra, malia que non había ningún ferido. Ela tamén aseguraba que este choque produciuse debido a outro accidente no que se viu implicado un camión, que xa estaba a ser retirado da calzada.

Por todo iso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deuse aviso á Garda Civil de Tráfico e aos servizos de mantemento da autoestrada. Tamén se informou á Policía Local, aos Bombeiros de Vigo e a Protección Civil.