Ferdylan, a nova tartaruga que se recupera na Galiza antes de voltar ao mar

A tartaruga Ferdylan foi capturada accidentalmente por un pesqueiro perto de Cariño. (Foto: Europa Press)
En 2022 as costas galegas rexistraron un total de 316 animais mariños varados, dos cales sete eran tartarugas.

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) acolle desde hai uns días nas súas instalacións a tartaruga Ferdylan, capturada accidentamente por un pesqueiro no litoral de Cariño e que permanecerá alí até que poida ser devolta ao mar.

Así, nestas instalacións hai neste momento dúas tartarugas en proceso de rehabilitación, xa que desde finais do ano pasado está alí Nemiña, que dá nome á praia de Muxía na que foi atopada en decembro, atrapada por unhas cordas que impedían o seu movemento.

Ferdylan é unha tartaruga común (caretta caretta) que superou a revisión inicial do equipo veterinario da Rede de Varamentos da Galiza e pasou cinco días na UCI que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) ten en Nigrán antes de ser trasladada ao Igafa.

Nesa avaliación inicial comprobouse que non presentaba danos apreciábeis e que era capaz de alimentarse soa. Ferdylan, do mesmo modo que a súa compañeira Nemiña, permanecerá en observación nas instalacións do Igafa e, unha vez rematada a súa recuperación, voltará ao medio natural.

Esta acción forma parte da colaboración que mantén a Consellaría de Medio Ambiente desde o ano 2013 coa Cemma para a recuperación dos mamíferos mariños e outras especies que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos. Ademais, conta coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do Igafa. De feito, este tipo de estancias adoitan aproveitarse para formar as e os estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.

Coa chegada de Ferdylan ás súas instalacións, este centro participou da recuperación de cinco tartarugas e 13 lobos mariños desde 2013. Aliás, a Cemma informaba esta mesma semana de que tiña até catro tartarugas nestes momentos en fase de recuperación.

Durante o ano 2022, as costas galegas rexistraron un total de 316 animais varados, 250 deles cetáceos e sete tartarugas, unha cifra por riba da media das últimas tres décadas. Entre os exemplares máis curiosos atópase a primeira visita dunha quenlla solraio, así como tres tipos diferentes de zifios —unha especie de balea con forma de golfiño pouco común—.