Fenosa: a outra estafa das preferentes

Concentración de persoas afectadas polas preferentes de Fenosa

Centos de familias compraron preferentes por medio da empresa eléctrica, o que lles impide acceder á arbitraxe e as deixa en mans da multinacional, que se amosa pouco disposta a devolver os cartos malia os seus escandalosos beneficios.

O gran calote conta con múltiples afluentes. Alén dos milleiros de persoas que perderon os seus aforros ao investiren nas participacións preferentes das desaparecidas caixas, con elas como intermediarias tamén houbo centos de familias que mercaron eses produtos opacos -case unanimemente baixo engano- por medio de distintas empresas que tamén os comercializaron, sendo o da eléctrica Fenosa o caso máis estendido en Galiza. Mais ao contrario das solucións -sempre incompletas polo de agora- ás cales poden acceder as per- soas estafadas por parte do que agora é o nacionalizado Novagalicia Banco, as afectadas polas preferentes de Fenosa están expostas ao que decida a empresa enerxética, que ten o absoluto control sobre a súa dramática situación.

Fenosa vendeu preferentes en 2003 -co PP na xunta- a pequen@s aforrador@s e en 2005 a institucións. As dúas caixas galegas e o Banco Pastor participaron da operación e, segundo as persoas damnificadas, eses investimentos estiveron sometidos ao mesmo discurso enganoso que no resto dos casos, só que agora non poden acceder á arbitraxe nin están incluídas na quita gobernamental, aínda que si poden intentar revender á propia compañía as súas participacións, seguramente en condicións moi pouco favorábeis. En definitiva, son cartos parados, en poder e baixo todo poder da multinacional, que mantén escasa transparencia sobre o asunto.

Fenosa vendeu preferentes en 2003 a pequen@s aforrador@s e en 2005 a institucións

“Saben da nosa indefensión e non nos informan case nada. En principio, o único que nos din é que en maio decidirán, que teñen que facer cálculos. Porén, nós o que queremos é que nos devolvan o diñeiro xa, porque por moito que digan o contrario si que o poden facer, o ano pasado tiveron máis de mil millóns de beneficios, para eles é pouca cousa restituírnos os cartos, para moitas de nós é a diferenza entre poder levar unha vida digna ou non”, relata unha afectada despois dunha concentración de protesta na Coruña, facendo referencia ao balance de Gas Natural-Fenosa, que o ano pasado gañou 1.325 millóns de euros, mais mantén na incerteza ducias de familias galegas estafadas coas preferentes e que non saben se recuperarán os seus cartos, situación con algún punto en común coa das arredor de 700 traballadores e traballadoras das propias caixas galegas -a maioría sen cargos de dirección-, que é moi complicado que poidan acudir á arbitraxe.

Alén disto, e como xa informou en exclusiva Sermos Galiza, ás vítimas que repartiron os cartos en máis dunha conta baNcaria só se lles está a permitir recuperar parte do depositado nunha delas, perdendo a totalidade do resto. Son a cara menos coñecida da grande estafa financeira.

BBVA, La Caixa e Telefónica

Con todo, o de Fenosa non é un caso illado. Por medio de entidades bancarias como BBVA e La Caixa tamén hai casos moi semellantes de persoas que asinaron preferen- tes con outras empresas como Telefónica, que agora só parece disposta a devolver accións e bonos de inferior valor e sometidos ás flutuacións dos mercados. Doutra banda, até 40.000 persoas están atrapadas nas preferentes que emitiu Eroski, case todas en Euskal Herria.

 


 

Seguen as protestas após unha quita salvaxe

 

Regueiros de cartos para os directivos da nacionalizada Novagalicia Banco malia a súa discutida xestión e quita para @s estafad@s das preferentes. Se non había razóns abondas para a indignación entre o colectivo de afectad@s polos produtos opacos -e tamén polo importante sector do persoal que se aínda se opón á perda de centos de empregos-, a noticia de que os directivos de NCG se repartiron soldos duns 235.000 euros de media veu engadir máis tensión nun momento en que a decisión estatal de quitarlles arredor da metade dos seus aforros -e deitar dúbidas sobre o valor real do que van devolver- fixo intensificar as accións de protesta d@s afectad@s, que exixen íntegros os seus aforros e apuntan directamente contra o responsábel da quita, o PP, que a pesar da solidariedade amosada por algún alcalde de forma illada, opta pola criminalización das protestas, cada vez maiores e que inclúen peches en concellos e presenza diaria na rúa e nas sucursais bancarias.

Pola súa banda, unha vez coñecida a forte quita ás vítimas do engano das preferentes, o BNG, en boca do seu voceiro nacional Xabier Vence, cualificou a decisión do PP como “un acto de violencia económica” e pediu a dimisión de Feijóo, Rajoy e de Guindos. Doutra banda, AGE tamén se amosou contraria a “calquera tipo de quita”. O presidente da Xunta negouse a comparecer no Parlamento para tratar este tema malia o requirimento da oposición.

 

Este texto apareceu no Sermos41, publicado a 5 de abril de 2013