O confinamento polo coronavirus saca á luz a fenda dixital da Galiza

O Colexio de Enxeñería Técnica de Telecomunicacións da Galiza sinala o rural como as zonas máis desfavorecidas. (Europa Press)
O Colexio Oficial de Enxeñería Técnica de Telecomunicacións (Coettga) advirte que a alta demanda de medios telemáticos por parte da poboación, derivada do confinamento pola crise do coronavirus, pon en evidencia as desigualdades que existen na Galiza en canto a acceso dixital, onde o rural segue a ter peores condicións, con "puntos escuros" ao longo do territorio, malia os avances dos últimos anos en moitas zonas. 

"Este aumento na demanda de medios telemáticos e de telecomunicacións constatou a significativa fenda, que penaliza as zonas do rural, e que veciñanza e institucións levan denunciando durante os últimos tempos", sinala o presidente do Colexio, José M. Martínez, 

Para Xosé M.  Blécua, alcalde de San Xoán de Río e vogal do Coettga, "a principal fenda no rural que hai agora é a lexislación, porque vai moi por detrás da tecnoloxía".

"Agora mesmo, por lei, o único que se obriga é a ter telefonía fixa por cable e velocidade de 1 MB por segundo. Sabemos que a telefonía fixa está desaparecendo e tamén sabemos que unha suficiente decente son de 30 MB", observa Blécua, para quen "a poboación do rural é a que queda sempre sen avances" .

"O 5G no rural non o  imos ver mentres non se lexisle, porque non sae rendíbel. No noso Concello temos 59 núcleos de poboación, dos que só un supera os 30 MB", exemplifica.

O Colexio lembra que a crise polo coronavirus levou o Ministerio de Asuntos Económicos e Tranformación Dixital a suspender as actuación de cambios directos de canles radioeléctricas dentro do procedemento de liberalización do chamado Segundo Dividendo Dixital, "o que seguramente atrasará a implementación do 5G nestas zonas, o que afectará case un millón e medio de persoas, que precisamente viven nalgunhas das comarcas máis desfavorecidas", expón o decano do Coettga, que sitúa entre elas as zonas interiores da Galiza.

Neste contexto, o ente profesional salienta que, de non ser polos sistemas de telecomunicacións e as novas tecnoloxías, sería "impensábel" continuar coa vida normal e o país paralizaría por completo, "o que suporía un número inxente de persoas ao paro --ao non poder acollerse a opcións de teletraballo-- e a imposibilidade de continuar coa formación educativa a distancia".

"Probábelmente nestes días de illamento social é máis importante que nunca estar conectadas, axudar a soportar a incerteza desta situación descoñecida para a sociedade. Falar, comunicarse, socializar sen ter contacto físico… algo imposíbel sen as telecomunicacións", observa.

Como expón, os datos do Ministerio de Economía revelan que, no territorio estatal,  máis de 3,2 millóns de habitantes teñen unha conexión a internet "deficiente", cunha velocidade menor a 10 MB, e perto dun millón de persoas contan cun ancho de banda que non chega aos 2 MB.