A 'fenda dixital' e a identificación de casos, principais incertezas tras un mes de 'curso Covid'

A cuestión da ventilación dos centros educativos é un tema que causa incertezas ás portas da chegada dos meses de máis frío (Europa Press)

Colexios e institutos evolucionan vixiantes á pandemia e temen a chegada dunha forte vaga coa época invernal.

Tras un mes do inicio do curso escolar, acumúlase a experiencia de equipos directivos, comunidade educativa e administración na xestión do día a día da pandemia, os positivos, os surtos e os reforzos necesarios para atender os problemas derivados dunha situación até agora inédita na sociedade.

A incidencia da Covid en centros e institutos está lonxe de se descontrolar, aínda que os profesionais educativos temen a evolución desta segunda vaga pola necesidade tanto de axilizar a identificación de casos, a comunicación e aplicación das medidas, como de atallar as desigualdades provocadas pola fenda dixital e a falta de conectividade, unha das principais carencias á hora de afrontar o ensino telemático e un hipotético retorno ao confinamento.

24 aulas fechadas

De acordo cos últimos datos ofrecidos este sábado pola Xunta, os casos activos da Covid en centros, institutos e escolas infantís da Galiza subiron nas últimas 24 horas en 36, até o total de 518. Esta cifra obriga a manter fechadas 24 aulas, as mesmas que un día antes, e toda unha escola infantil, a María Ana de Celanova. É precisamente nas comarcas do sueste do país ─as correspondentes coa división provincial de Ourense─ onde se sitúa o principal foco no país, con máis dun terzo dos positivos (182).

Francisco Lires, da Federación de Directores de Centros Públicos, di que de momento "non hai moitos surtos" no sistema, salvo no caso dos puntos máis poboados, aínda que admite que os equipos están "cargados" tras un inicio de curso estresante e un traballo constante de adaptación das escolas que se prolongou "desde o verán" e mesmo foi reformulado en varias ocasións.

A sensación é similar en secundaria, informa Europa Press. Isabel Ruso, da Asociación de Directores de Institutos da Galiza, atribúe a situación a que a comunidade escolar "está a ser moi prudente", mais lembra que aínda non se produciu ningunha vaga "moi forte".

Distinción de síntomas

É por iso que os equipos directivos temen a chegada da época do frío, tanto polos problemas que se poidan dar coa ventilación de espazos e de aulas, como pola identificación de casos sospeitosos debido á amplitude dos síntomas da Covid. "Esperemos chegar a un punto en que funcione de forma automática e que permita que os casos se identifiquen máis rapidamente e se tomen as medidas sanitarias necesarias", insiste Ruso.

Neste sentido, desde as ANPA cren necesario impulsar unha ferramenta para distinguir unha posíbel gripe dun contaxio, ademais de resolver o problema de conciliación e as corentenas. "Temos moitas dúbidas", insiste Rogelio Carballo, de Confapa-Galiza, que apelou a estar vixiantes á evolución epidemiolóxica e apuntou a que se detectaron "incidencias complicadas" que afectan a servizos como o transporte escolar, e que obrigan a endurecer as medidas de illamento no caso dun positivo.

"O que necesitamos son pautas claras e unha consigna única", sinalou pola súa banda, Suso Bermello, da CIG-Ensino, que indicou que existe "unha sensación de descontrol coa xestión de contaxios", ademais de que algúns centros "están a recibir instrucións totalmente contraditorias por parte do Sergas", o que está a xerar "indefensión e incerteza" sobre as medidas a aplicar nuns casos ou noutros e na xustificación destas actuacións.

Falta de preparación

Xunto á detección dos síntomas, outra das tarefas pendentes está na preparación para a semipresencialidade e o ensino telemático ante un hipotético regreso ao confinamento e para garantir a atención e o acceso aos contidos ao alumnado que estea gardando corentena pola Covid.

"Quédanos moito. Os centros non están preparados", recoñece Francisco Lires, xa que aínda que se puxeron a punto as aulas virtuais e os centros contan con protocolos e programacións adaptadas para prever diferentes escenarios, aínda existe un déficit importante de conectividade entre as familias.

"Estamos solicitando información das crianzas que na súa casa non teñen conexión e están a xurdir bastantes casos. Estamos a ver que hai nenas e nenos aos que non lles chega", advertiu, chamando a dotar tanto o profesorado como centros e alumnado das ferramentas "para poder levar a cabo ese ensino" telemático e para "estar preparados", sen que iso supoña renunciar á presencialidade.