As feministas volven este domingo ás rúas nas que gañaron a batalla ao PP

A Plataforma polo Dereito ao Aborto convoca concentracións comarcais para este domingo. Festa máis tamén reivindicación. 

 

O feminismo volverá ás rúas e prazas este domingo ás 12 horas, en concentracións comarcais nas que se festexará a retirada da reforma da lei do aborto e a dimisión de Alberto Ruíz Gallardón mais tamén se reivindicarán os dereitos sexuais e reprodutivos. 

No mesmo día no que o pasado ano se desenvolvía a segunda das grandes mobilizacións contra a reforma do PP, o movemento feminista sairá de novo ás rúas, ás mobilizacións que fixeron caer o proxecto contra o dereito ao aborto. “Nesta data celébrase o día internacional dos dereitos sexuais e reprodutivos e nós queremos festexar o trunfo mais tamén reivindicar dereitos que se están a recortar e que afectan á liberdade e á diversidade sexual”, sinala Pilar Estévez, da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto que, como ela di, continúa aínda “alerta” porque a ameaza non desaparece coa retirada do proxecto de lei de Gallardón. 

"Sen baile non hai revolución, é unha frase que repetimos e así será tamén o domingo”

“Está pendente a resolución do recurso que o PP presentou perante o Tribunal Constitucional e anunciaron que van introducir modificacións [na actual Lei de Prazos, para introducir o consentimento paterno no caso de aborto de adolescentes] co cal é preciso seguir atentas. Estamos eufóricas polo que aconteceu, mais somos conscientes da realidade e da vontade de ameazar os nosos dereitos”, engade Pilar Estévez. 

Mais, ademais da reivindicación, a xornada do domingo será festiva porque o movemento feminista quere celebrar nas rúas o triunfo na defensa dos dereitos adquiridos. “A festa caracteriza dalgunha maneira tamén as nosas loitas. Sen baile non hai revolución, é unha frase que repetimos e así será tamén o domingo”, di Estévez dunha xornada na que están convocadas concentracións en Compostela (na Praza da Praterías e pasarrúas pola Rúa Nova, Toural, Franco e Raíña), na Coruña (Campo da Leña), en Vigo (Bouzas) e en Ourense. En todas elas interpetarase unha performance cunha canción que mantén aínda unha estrofa dedicada a Gallardón, prevista xa desde antes da súa recente dimisión.