Feministas 'okupan' a Catedral de Santiago pola liberdade das Pussy Riot

Seis mulleres da Rede feminista galega colocan unha faixa en apoio ás tres integrantes da banda punk condenadas a dous anos de cadea após cantaren Nai de deus, líbranos de Putin na principal catedral ortodoxa de Moscova. Din as activistas que a sentenza responde a ''motivos políticos'' e exixen a liberdade das músicas

'Pussy Riot, liberdade' é a petición que se puido ler este sábado nunha faixa que colgaba da balconada da catedral de Santiago de Compostela. 

Durou pouco, pois as forzas de seguridade tardaron media hora escasa en desaloxaren do edificio relixioso ás seis activistas da Rede Feminista Galega que fixeron parte da acción reivindicativa en prol da banda de punk feminista.

Tres das súas integrantes, Maria Alekhina, Ekaterina Samutsevich e Nadezhda Tolokonnikova, foron condenadas a dous anos de cadea após interpretaren a canción Nai de deus, líbranos de Putin na principal catedral ortodoxa de Moscova.

Fronte ao argumento da acusación, "vandalismo baseado no odio relixioso", desde a Rede Feminista Galega falan de "motivos políticos". Coa cara cuberta con meias de distintas cores, imitando ás seis Pussy Riot, outras tantas mulleres conseguiron introducirse este sábado na catedral compostelá e chegar até os balcóns, desde onde despregaron a faixa.

Para alén da liberdade para as músicas, as activistas lembraron tamén @s pres@s polític@s galegas e reclamaron liberdade tamén para el@s ao berro de 'As presas, agora, queremos velas fóra'. Máis liberdade, desta volta para as mulleres podermos decidir sobre o noso corpo e a nosa maternidade, foi o que se pediu ao rexeitar levarmos "rosarios nos nosos ovarios". 
 

(Video da actuación das Pussy Riot na catedral de Moscova)


A maquinaria represiva, en marcha
As accións en apoio ás Pussy Riot repetíronse en moitos recunchos do mundo. Sabían elas da dificultade dunha resolución que as absolvese, subliñando que "a declaración --de Vladimir Putin-- de que o noso caso será xulgado con obxectividade e que o veredicto será xusto é máis un engano ao país enteiro e á comunidade internacional". Coa súa actuación na catedral do Cristo Redentor quixeron deixar claro "que a cultura ortodoxa non pertence unicamente á Igrexa Ortodoxa rusa, senón que tamén se pode pór do lado da desobediencia civil, da rebelión e da protesta".

"Intentarán presentar a nosa acción como a dunhas ateas militantes sen corazón, mais cometeron o erro de que xa antes eramos coñecidas como a banda de punk feminista anti-Putin que realizaba asaltos mediáticos nos principais símbolos políticos do país". A integrante das Pussy Riot que pronunciou estas palabras, en nome do grupo, contaba con ser declarada culpábel namentres falaba. Aínda así, considerou que "gañamos", xa que unha condena por estes feitos demostra, dixo, a natureza represiva do propio xuízo iniciado na súa contra.

NOTA: as imaxes da acción pertencen a @luciamontseny (interior) e Galiza Contrainfo (portada)