MOBILIZACIóN MULTITUDINARIA

As feministas galegas fanse oír en Madrid contra a violencia machista

[Imaxe: gzcontrainfo] Plataforma Feminista Galega

A Plataforma Feminista Galega participou na mobilización masiva que percorreu as rúas do centro de Madrid. “Contra as violencias machistas” foi o lema co que a plataforma se fixo ver e oír entre a multitude.

As mulleres galegas sumáronse á marcha estatal que converteu Madrid nunha maré lila. Co lema “Contra as violencias machistas”, a Plataforma Feminista Galega quixo denunciar todas as formas de violencia que sofren as mulleres e para reivindicar que “o terrorismo machista sexa unha cuestión de estado”.

Aínda non hai datos oficiais de participación na mobilización, da que formaron parte 300 colectivos a nivel estatal, mais o certo é que foron varios milleiros de persoas as que acudiron á protesta. Entre as asistentes, houbo unha nutrida representación do Observatorio da Mariña pola Igualdade, que portou unha faixa propia coa consigna “Defendamos a igualdade. Fronte á violencia machista, loita feminista”.

O Observatorio da Mariña pola Igualdade valora a manifestación multitudinaria “como un éxito do movemento feminista”. “Agardamos que as demandas desta marcha comezen a poñerse enriba da mesa e a traballar por dar erradicar esta barbarie impropia de calquera sociedade democrática”, sinalou.

Con motivo do 25 de novembro, edificios públicos galegos vestiranse con pancartas contra a violencia de xénero para visibilizar a loita contra o machismo e por unha igualdade real. O Concello de Pontevedra, de cuxa casas consistorial pende desde hoxe e até o 27 de novembro unha faixa co lema "Contra todas as violencias machistas", é unha das institucións que se sumou a esta iniciativa, ao igual que o Concello de Lalín.