Feministas de Euskal Herría darán unha resposta "firme e na rúa" pola despenalización do aborto

Queren adiantarse á lei de Gallardón ao teren claro que "os cambios non serán para despenalizar nin irá no sentido das nosas demandas" senón que suporán un retroceso inspirado "no Vaticano"


O movemento feminista de Euskal Herria vén de anunciar unha campaña en prol da despenalización do aborto, perante a reforma da lei de 2010 que impulsa o Executivo do PP "seguindo o ditado dos sectores máis reaccionarios e da Igrexa católica".

Malia que do texto que prepara o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, pouco se sabe, o que leva transcendido é dabondo para que @s feministas vasc@s se mobilicen, pois a norma "vai claramente en contra dos dereitos e da liberdade das mulleres".

Así as cousas, a lexislación aínda vixente estabelece que as grávidas poderán decidir sobre a súa maternidade até a semana 14 do embarazo. Fronte a esta reforma, impulsada en 2010 polo PSOE e inspirada no sistema de prazos vixente noutros países de Europa, os plans de Gallardón teñen sido catalogados pola oposición como "unha volta ao franquismo", pois o aborto deixaría de ser un dereito tamén en suspostos como a malformación do feto, que se despenalizaran xa na lei de 1985.

"Non temos moitos datos sobre esa reforma máis que as opinións manifestadas por Gallardón", explicaron as representantes dos colectivos feministas, ao tempo que acrecentaron que "o que está claro é que os cambios non serán para despenalizar nin irá no sentido das nosas demandas, senón que suporá un retroceso" que equiparará o Estado español a aqueloutros máis regresivos nesta materia.

"A referencia non será Holanda, senón O Vaticano" malia que a asembleia parlamentaria do Consello de Europa aprobou unha resolución en que esixe aos 47 membros "despenalizar o aborto se non o fixeron aínda". Por iso, a resposta que adiantou o movemento feminista vasco será "firme na rúa".