8-M

O feminismo toma Compostela

8-M en Compostela / MGS

Unha multitude ateigou as rúas de Santiago na manifestación unitaria do 8 de marzo, na que o feminismo galego amosou a súa forza cunha marcha que contou tamén co apoio de todas as forzas políticas da oposición, que atacaron ao Goberno central por medidas como o recorte no dereito ao aborto.  

Tomou as rúas de Compostela a manifestación feminista do 8 de marzo, que xuntou a centos de persoas que saíron da Estación de Tren. Faixas contra a violencia machista, a desigualdade salarial ou polo dereito a aborto foron moi visíbeis polas rúas da cidade, tinxidas de cor violeta. Ataques ao PP e á Conferencia Episcopal tamén se escoitaron nunha marcha unitaria na que participaron todas as forzas da oposición, detrás todas dunha pancarta na que se lía “Feminismo para avanzar. Todas xuntas nunha mesma loita”. 

Pilar Estévez, da Marcha Mundial das Mulleres, tomou a palabra para denunciar a situación laboral da muller. "Temos moita xornada laboral sen salario", dixo antes de comezar a manifestación. "Hai un retroceso global nas políticas sociais que incumben á muller", engadiu. 

"Estamos fartas da hipocresía do PP", afirmou Saleta Chao do BNG

O BNG demandou "medidas concretas" á Xunta, como a creación dun plan de emprego "específico", ademais de "desenvolver leis" para "avanzar cara á igualdade real". "Estamos fartas da hipocresía do PP", denunciou a secretaria de Acción Feminista do BNG, Saleta Chao. "Parece que as mulleres só cobramos un 17 por cento menos que os homes o 8 de Marzo, ou que só sufrimos violencia de xénero o 25 de novembro", subliñou. 

Desde AGE, Eva Solla, criticou ao Goberno central por "ameazar" con "retirar os dereitos ás menores de 16 e 17 anos para abortar sen acompañamiento dos seus pais, algo que non terán que facer para unha operación estética". Ángela Rodríguez, responsable do área de feminismos e diversidade en Podemos Galiza, pola súa banda afirmou:"Creo que temos moito traballo que facer por diante todos os días, non só o 8 de marzo". O PSdeG e forzas independentistas tamén acudiron á marcha.