En contra da violencia machista

O feminismo sairá á rúa tamén este ano

Imaxe de arquivo da Marcha Mundial das Mulleres. / Nós Diario
A Coordenadora da Marcha Mundial das Mulleres mantén activa a convocatoria á mobilización o 25 de novembro.

De cara á conmemoración do Día contra a violencia de xénero, o vindeiro 25 de novembro, desde a Marcha Mundial das Mulleres chámase un ano máis á mobilización, "pois negámonos a que a reivindicación e visibilización da violencia machista neste día fique confinada", aseguran nun comunicado.

A organización quere "encher as rúas de feminismo, precisamente, no momento no que menos visíbel" é a agresión e engaden que "como feministas temos un compromiso de loita, e coidar da saúde de todas tamén é manternos mobilizadas".

"O confinamento obrigou a moitas mulleres a convivir co seu agresor, sobreexpoñéndoas a unha violencia extrema", aseguran desde a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres.

Desde a organización recalcan que, "en ningún momento se considerou a prevención e atención a mulleres que sofren violencia machista unha actividade “esencial” que non pode parar cando se pretende parar a vida nin cando se decide confinar á poboación e paralizar todo tipo de actividades".

E engaden que "parece que damos pasos atrás nos avances que conseguira o feminismo organizado de converter a violencia machista nun asunto visíbel e público cun debate aberto na sociedade para volver a relegala novamente a esfera íntima.

Desde a Coordenadora din, "defendemos que non podemos abandonar as rúas e a loita contra a violencia machista e a súa visibilización e por isto, e pola responsabilidade de saber que se o feminismo non se mobiliza, a violencia machista non vai desaparecer, tomamos a decisión de lanzar convocatorias e sumarnos ás xa realizadas(en referencia a Compostela) para encher este 25-N a rúa de feminismo".

Así, o vindeiro 25-N sairán á rúa desde a Vía Norte de Vigo, na subdelegación do Goberno en Ourense, no Obelisco da Coruña, na praza Amada García de Ferrol e na do Obradoiro, en Compostela.