O feminismo revólvese contra a violencia machista

[Imaxe: Galiza Contrainfo]

Concentracións de repulsa polas dúas mulleres asasinadas en Cervo están convocadas para esta quinta feira nas cidades do país. Nos últimos tres días suman 4 as mortas no conxunto do Estado pola violencia machista. Horas e lugares das concentracións no interior.

 

A Marcha Mundial das Mulleres convocou para esta quinta feira (15 de xaneiro) senllas concentracións nas cidades do país para denunciaren "unha violencia que se cobra vidas de mulleres cada día". Perante o asasinato de Adela Ramos e María José Suárez en Cervo a pasada terza feira, o movemento feminista sairá de novo ás rúas para amosar a súa repulsa a este duplo crime machista ao que se suman outros dous asasinatos nos últimos tres días. 

Baixo o lema "Contra a violencia machista: loita feminista", a Marcha Mundial lanzou un chamamento "a toda a sociedade" para secundar as concentracións. Convocatoria á que se sumaron outras organizacións e colectivos feministas, entre eles o Observatorio da Mariña pola Igualdade que nun comunicado de imprensa arengou "á sociedade da Mariña para que se posicione frontalmente en contra de todas as manifestacións da discriminación machista, das cales os feminicidios (ou asasinatos de mulleres) constitúen o exemplo máis extremo". 

O Observatorio lembra que "o feito de que esta traxedia sacuda agora a nosa comarca é terríbel, pero non debe facernos esquecer que a violencia machista é desgraciadamente un fenómeno global, e que cada día se producen asasinatos de mulleres en todo o planeta, simplemente polo feito de seren mulleres". Neste senso, salientan, "a repulsa e condena debe estenderse a escala planetaria", afirmou Luísa González, presidenta do colectivo feminista e experta en políticas de xénero. 

O colectivo mariñao lembrou que a solución contra a violencia machista está "na educación, e máis concretamente no fomento de valores coeducativos e de educación en igualdade" polo que denunciou os recortes orzamentarios que o goberno de Alberto Núñez Feijóo está a aplicar nas políticas de prevención e loita da violencia exercida contra as mulleres.

Horas e lugares das concentracións

#Coruña cuarta feira15 ás 20h no Obelisco
#Ferrolterra cuarta feira 15 ás 20h na Praza do Concello
#Vigo quinta feira 16 ás 20h no MARCO
#Compostela quinta feira16 ás 20h na Porta do Camiño
#Ourense quinta feira 16 ás 20h na Subdelegación do Goberno
#Amariña quinta feira 16 ás 20h na Praza dos Campos de San Cibrao (Cervo)