8-M

O feminismo galego volve ás rúas este 8-M: estas son as mobilizacións convocadas

Manifestación o 8 de marzo de 2023 en Santiago. (Foto: Arxina)
As reivindicacións das mulleres toman máis dunha vintena de localidades do país esta sexta feira.

O movemento feminista convoca esta sexta feira, 8 de marzo, mobilizacións en ducias de localidades para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora. Na xornada da mañá o protagonismo corresponde ás organización sindicais e estudantís e durante tarde as manifestacións están convocadas polo movemento feminista.

Así, as marchas organizadas pola CIG terán lugar ás 11.30 horas —excepto nos casos de Ourense, que será ás 12 horas; Burela (A Mariña), ás 11h, e As Pontes (comarca de Eume), ás 12.30h— na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Pontevedra, Vilagarcía (O Salnés), Vigo, Cangas (O Morrazo) e A Guarda (Baixo Miño).

O sindicato nacionalista chama a "tomar as rúas" ao berro de "Stop precariedade. Traballo digno e igualdade". CCOO e UXT comparten chamamento na Coruña, cunha concentración e unha ofrenda floral ás cigarreiras ás 11 horas e ás 12 horas en Compostela, mentres que en Ferrol, Ourense e Vigo UXT convoca en solitario ás 12 horas.

Ao tempo, asociacións estudantís como Erguer, o Sindicato de Estudantes ou Libres e Combativas chaman o estudantado a secundar os paros de dúas horas que decorrerán nos institutos e nas universidades.

A Marcha Mundial das Mulleres convoca manifestacións ás ás 20 horas na Coruña, Compostela, Ribeira (O Barbanza), Ferrol, Lalín (O Deza), Lugo, Marín (O Morrazo), Monforte (Terra de Lemos), O Porriño (Vigo), Ribadavia (O Ribeiro), Ribadeo (A Mariña), Vigo, Vilagarcía (O Salnés) e Vilalba (Terra Chá); ás 20.30 horas nas Pontes (Eume) e Pontevedra, ás 19.30 horas en Betanzos (As Mariñas) e ás 13.30 horas en Baiona (Val Miñor). Pola súa parte, en Ourense haberá unha tripla mobilización da marcha, ás 11, ás 12.30 e ás 20 horas. Neste caso, as marchas contan co apoio de entidades locais como o Colectivo Feminista das Mariñas ou o Feminismo Unitario de Vigo.

Pola súa parte, a Plataforma Feminista Galega convoca mobilizacións ás 18 horas en Ames (comarca de Compostela), ás 20 horas na Coruña, Compostela, Lugo, Ferrol, Ourense e Vigo e ás 20.30 nas Pontes e Pontevedra. Ao tempo, a Compañía Feminista protesta ás 20 horas na Coruña e Vigo.