O feminismo galego reivindica a forza das mulleres contra todas as formas de violencia

Manifestacións decorridas esta sexta feira, con motivo do 8 de marzo.
A loita das mulleres palestinas e das traballadoras da limpeza de Lugo ocuparon un lugar destacado este 8-M

Rexo e diverso. O movemento feminista galego volveu tomar as rúas da Galiza para reivindicar a mobilización das mulleres contra todas as formas de violencia, opresión e explotación "que vivimos hoxe na Galiza e no mundo".

"A loita neste 8-M e todos os días do ano é unha loita para transformar o mundo, necesariamente feminista, antiimperialista, anticapitalista, democrática e antiLGBTfóbica. É unha loita en defensa da vida das mulleres, contra a carestía e as violencias, contra un sistema capitalista que perpetúa a nosa opresión e que nos mantén submisas nos roles patriarcais", reivindicou a Marcha Mundial das Mulleres. O movemento defendeu nunha vintena de localidades un feminismo organizado e a autoorganización das mulleres en todos os espazos como única folla de ruta para avanzar na conquista de dereitos e na construción dunha sociedade xusta e igualitaria".

De Ribadeo a Baiona e de Ourense a Ferrol, as mulleres convocadas pola Marcha ocuparon con pancartas e proclamas as principais rúas de cada lugar. Sara Egas acudiu pasadas as 20 horas á rúa do Parque de San Lázaro de Ourense para participar na terceira e derradeira mobilización programada na cidade con motivo do 8-M. "Son activista feminista desde antes de chegar á Galiza. Érao no meu país, Ecuador, e desde hai tres anos sono tamén aquí". O 8-M, di, é un día máis para reivindicar que para conmemorar. "Creo que se nos escoita un pouco máis, por iso é importante saír á rúa para facerlle entender a todo o mundo que estamos aquí e que non esquecemos a loita polos nosos dereitos".

O "trato denigrante" que a xustiza e a sanidade aínda dispensan a moitas mulleres é, para Sara, unha das principais formas de violencia institucional a combater. "Mais tamén a invisibilidade á que se ven sometidas as mulleres migrantes fóra do ámbito dos coidados. É un prexuízos que temos sempre sobre nós: non se nos ve como profesionais".

Polas que teñen medo

Laura Cadenas tamén marchou por Ourense non moi lonxe de Sara. Saíu á rúa "porque continuamos a vivir nun mundo violento e hostil para as mulleres, onde matarnos ou violarnos non custa absolutamente nada". No seu percorrido berrou polas que xa non están e polas que quedaron na casa silenciadas e ruxiu con máis forza aínda contra a gordofobia, outra pata máis do patriarcado, dixo. "Case a diario recibo odio por ser unha muller gorda, incluso no ámbito sanitario, por iso estou aquí, para manifestarme en contra dun sistema que nos quere submisas e compracentes e que artella todo tipo de mecanismos para controlarnos".

Para Elaine Monteagudo este é o seu terceiro 8 de Marzo. "Acudín por primeira vez na pandemia e fíxeno porque aínda hai moitos dereitos por alcanzar, como a igualdade salarial, e moitas violencias por desterrar, como a represión contra as mulleres racializadas, trans ou disca". 

Segundo sinala, hai moitas mulleres ás que a sociedade, e mesmo parte do feminismo, non considera como tal. "Por todas elas, polas que non veñen porque teñen medo e polas que non poden vir porque xa non están, sinto a necesidade de manifestarme".

Fíxoo ante o palco da música de Betanzos (As Mariñas), na praza Irmáns García Naveira pasadas as 19.30 horas. Case dúas horas antes, comezaron a chegar á Praza 8 de Marzo de Compostela as primeiras mulleres, nais, convocadas polo colectivo Maternidades Feministas (Materfem). Unha cita anticipada "por conciliación", para que nais e crianzas puidesen concentrarse polo 8 de Marzo. 

Maternidade

Alicia Corral foi coa súa filla de cinco anos tras pasar polo centro sociocultural da Carmoniña, primeira parada para moitas das participantes nesta mobilización. "Este ano convocamos a nosa propia para reivindicar horarios conciliadores, permisos longos, espazos públicos para os coidados, políticas públicas que permitan maternar en dignidade e unha educación feminista e pacifista".

Ducias de cartaces de Materfem encheron a Praza do 8 de Marzo de Compostela antes de que dese mesmo escenario saíse, ás 20 horas, a mobilización convocada pola Marcha Mundial das Mulleres. Moitos cartaces eran en lembranza das mulleres palestinas.

Rawan Abdallah e Sara Ashour deron voz ás mulleres palestinas

Rawan Abdallah e Sara Ashour, representantes da Asociación Galaico Árabe Jenin, foron a súa voz na compostelá praza de Praterías. O seu discurso transcendeu o político para o do seu drama humano. Da cifra total de vítimas en Gaza, máis de 30.000, 70% son mulleres e crianzas. "Son o principal obxectivo do Exército de Israel", mortas, detidas ou desaparecidas; vítimas de burla, agresións e acoso sexual; sen recursos para dar a luz nin criar os seus fillos e fillas baixo a ocupación israelí, salientou Ashour.

Loita imparábel

A diversidade e a loita das mulleres palestinas foi transversal a todas as mobilizacións do feminismo galego. Estivo presente en todos os discursos, como tamén o estivo a loita das mulleres da limpeza de Lugo, capaces de dobregar "unha patronal reaccionaria" despois de catro meses de folga.

As mulleres da limpeza de Lugo foron exemplo
de loita

Chus Antas foi unha das protagonistas dese paro que se estendeu 130 días. Na sexta feira tomou a palabra na súa cidade convidada pola Plataforma Feminista de Lugo. "A loita é o único camiño para conseguir as cousas. A nosa foi dura, ignoradas, sen que ninguén fixese nada durante moito tempo. Pero resistimos e pelexamos polo convenio até o final". As mulleres da limpeza de Lugo foron exemplo de forza e unión na loita pola igualdade.


Traballadoras e estudantes claman contra a precariedade das mulleres

Sindicatos e asociacións estudantís convocaron na mañá desta sexta feira mobilizacións nas rúas de vilas e cidades da Galiza con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. Así, as mulleres da CIG denunciaron "a precariedade que padecen –a escravitude do século XXI- en forma de contratos temporais, fixos descontinuos ou xornadas parciais; rexeitar as desigualdades campantes no mercado laboral e reclamar traballo digno”. 
Nese sentido pronunciouse a secretaria das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro Monteiro, que denunciou que esa precariedade “é a que caracteriza a situación laboral da maior parte das traballadoras na Galiza”.

Tamén CCOO convocou mobilizacións no día de onte para exixir "medidas para fomentar a corresponsabilidade entre homes e mulleres", unhas concentracións que compartiu con UXT en cidades como Compostela. Este último sindicato, ademais, recoñeceu o labor de mulleres como Mariam Fernández, de Vigo, traballadora de Acciona, ou Josefa Díaz, de Lugo, do servizo de extinción de lumes forestais da Xunta da Galiza. 

Igualmente, organizacións estudantís secundaron paros de dúas horas nos centros educativos e centos de estudantes saíron ás rúas convocadas por Erguer. Estudantes da Galiza e polo Sindicato de estudantes para, en palabras de Iria Nande, de Erguer, "denunciar a presenza do machismo e o patriarcado nas aulas. Chamamos as estudantes a mobilizarse porque consideramos que a mobilización é o motor do cambio social".