O feminismo galego mobilizarase esta terza feira en repulsa ao presunto asasinato de Jéssica Méndez

Concentración en Barro en repulsa ao presunto asasinato de Jéssica Méndez, esta segunda feira (Foto: Europa Press).
Esta segunda feira houbo outra mobilización en Barro, onde aconteceu o suceso.

O movemento feminista convocou para esta terza feira senllas concentracións en sinal de repulsa ao que, segundo os primeiros testemuños do caso, apunta a un posíbel delito de violencia machista na morte de Jéssica Méndez.

As mobilizacións decorrerán ás 20 horas en Ames (praza da Maía), Compostela (praza 8 de marzo), A Coruña (Obelisco), Pontevedra (praza da peregrina) e Vigo (museo Marco), e ás 20.30 horas en Vilagarcía (praza da Galiza) e Barro (no lugar do sinistro), alén doutros municipios que se foron sumando á convocatoria.

Mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres.

Aliás, Varios centenares de persoas concentráronse esta segunda feira a partir das 20 horas ante o Consistorio de Barro en sinal de repulsa contra o que consideran un "feminicidio". Durante a concentración, leu unha manifesto María González, amiga e compañeira de traballo da vítima, quen reivindicou "xustiza" para Jéssica, unha muller cun carácter "alegre e cariñoso" que tiña "toda a vida por diante" até que lle foi arrebatada "por un feminicida que estaba obsesionado con ela".

A lectora do manifesto lembrou que o acoso sufrido pola vítima alcanzou niveis tan elevados que tivo que pór cámaras de vixilancia e mesmo optar por cambiar de casa. "Probabelmente el se crese coa potestade de arrincarlle a vida como outros feminicidas", dixo, antes de facer un chamamento: "Non nos amedrentemos cando vexamos unha situación de acoso, sexa dun descoñecido, coñecido ou veciño. Os feminicidas tamén viven perto", remarcou.

O único investigado, en prisión provisional

O  Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, en funcións de garda, decretou esta segunda feira o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza para o home detido por matar unha muller en Barro  chocando o seu coche co seu propio vehículo a pasada quinta feira. A muller, de 29 anos, faleceu un día despois.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) afirmaron que o detido é investigado por homicidio ou asasinato, unha tipificación de delito pendente de concretar ao longo da instrución. O home, que pasou a disposición xudicial esta segunda feira, foi recibido no xulgado por achegados da vítima que lle proferiron insultos.

A pasada quinta feira tivo lugar o que nun primeiro momento semellaba un accidente causado por unha colisión frontolateral entre dous vehículos. A medida que avanzou a investigación, detectáronse circunstancias que fixeron que o caso pasase da Garda Civil á Policía Xudicial. As pescudas apuntan a que se tratou dunha colisión provocada polo arrestado nun posíbel caso de acoso -non mantiveran unha relación sentimental-.

O Goberno local de Barro vén de mostrar nun comunicado a condena do municipio do presunto feminicidio que acabou coa vida da moza. O Executivo considera que de confirmarse as liñas de investigación, "trataríase dun caso claro de feminicidio".

Sobre o detido, Susana Rosillo, do movemento feminista de Pontevedra, destacou ás portas do Xulgado de Caldas que a morte da moza de 29 anos tras o accidente en Barro foi "un feminicidio máis ocorrido na Galiza".

"As circunstancias son as que non nos gustaría que fosen, pero podemos falar claramente dun feminicidio", asegurou aos medios, para engadir que "ao principio parecía outra cousa".