Rotundo éxito da convocatoria de Galegas8M

O feminismo ateiga Lugo en defensa da igualdade

Milleiros de manifestantes en Lugo [Foto: CIG]

Milleiros de mulleres procedentes de todos os recunchos de Galiza secundaron este mediodía a manifestación convocada pola plataforma Galegas8M para exisir a igualdade real. O manifesto lido na Praza da Horta do Seminario por María Gueimonde e María Osorio incidiu na urxencia de lexislar para rematar co heteropatriarcado e con todas as formas de discriminación que persisten na actualidade. 

Milleiros de mulleres acudiron este mediodía a Lugo para participar na manifestación convocada pola plataforma Galegas8M co lema "Por todas as mulleres, por todos os dereitos: revolta feminista". A mobilización partiu desde o edificio administrativo da Xunta da capital lucense e rematou perto das 14,00 horas na Praza da Horta do Seminario, onde María Gueimonde e María Osorio leron un manifesto que comezou facendo historia, lembrando a loita que en marzo de 1918 fixo erguer centos de mulleres no país pola carestía da vida ao berro de "Temos fame. Abaixo os acaparadores!",

 

"Hoxe recollemos o seu legado", sinalaron, "a súa loita contra os tiranos que é tamén a nosa, e reivindicamos a nosa revolta coma filla daquela, co empeño de manter acesa a revolución que as mulleres construímos contra o patriarcado, o capitalismo, o racismo e todas as formas de explotación". As manifestantes lembraron que o vindeiro venres está convocada unha folga laboral, estudantil,de consumo e de coidados para esixir "un plan integral que protexa as nosas vidas do machismo e das violencias machistas, e que estea dotado de recursos económicos, sociais, médicos, xudiciais e políticos reais e eficaces". "Queremos parar de contar asasinadas, lesionadas, violadas, agredidas, discriminadas, presas, exiliadas, emigradas, empobrecidas e excluídas", proseguiu o comunicado. "Queremos parar de contar cantas teñen que denunciar e cantas non o fan, cantas son as acosadas, as humilladas, as calumniadas, represaliadas ou xulgadas elas en vez dos agresores. Porque as múltiplas faces da violencia machista teñen un só rostro: o terrorismo como sostén do patriarcado, e porque todo este terror só vai rematar o día que acabemos con el".

 

Os motivos para a xornada do venres atinxen tamén os coidados, "para que sexan asumidos polo conxunto da sociedade até que leis eficaces, con orzamentos e medidas concretas en materia de dependencia asuman a carga de traballo invisíbel e non remunerada de moitas mulleres no ámbito asistencial e dos coidados! Porque as mulleres sustentamos a vida como coidadoras, educadoras e traballadoras domésticas non remuneradas mentres o capital nos paga todo este traballo con violencias".

 

"Facemos folga de mulleres este 8 de marzo", lembraron as lectoras do manifesto, "para demandar unha reforma laboral con perspectiva social e de xénero que erradique a fenda salarial, a precariedade, o acoso sexual e por razóns de xénero, o teito de cristal, a división do traballo, o chan pegañento e a feminización da pobreza". "Estamos fartas de percibir as pensións máis baixas do estado, unhas pensións de miseria, que nos obrigan a sufrir pobreza na vellez", indicaron.

 

O ensino, o abandono do rural, a diversidade cultural e sexual e a inmigración foron outros elementos contidos nun manifesto que animou as presentes a secundar a folga do 8M e a seguir loitando "todos os días do ano até que todas sexamos libres, por nós e por todas as que non poden facela. Polas que non paran nunca porque nin tan sequera teñen o privilexio de poder parar. Por todas aquelas que teñen pendurado un mandil na casa. Hoxe, en Lugo, xuntas, berramos por todas, paramos por todas". 

 

A visión de Feixoo

 

Os partidos políticos fixeron tamén a súa valoración da mobilización de hoxe, que coincidiron en cualificar de "éxito imparábel do feminismo". Fóra deste consenso situouse, máis unha vez, o Partido Popular, que a través do seu presidente, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que "a igualdade é responsabilidade de todos, de mulleres e de homes, e debe convocar a todas as formacións políticas", sen se utilizar, dixo, como "arma partidista" nin con "supremacismos ideolóxicos".