O feminismo abre xogo en Ribadeo

O xogo de cartas A Tribo rememora 38 figuras femininas relevantes. (Foto: Nós Diario)
O proxecto educativo 'Eu quero ser coma' culmina coa elaboración dun xogo de cartas con 38 mulleres pioneiras como protagonistas, que se repartira entre o alumnado participante na iniciativa.

A rapazada de Ribadeo corta e reparte feminismo. Faino da man do proxecto 'Eu quero ser coma', impulsado pola Consellaría de Igualdade para dar a coñecer mulleres pioneiras que ao longo da historia despuntaron nas súas áreas, que conclúe neste mes despois de varias actividades nas aulas dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús e do IES Dionisio Gamallo cun enredo: un xogo de cartas feministas denominado A Tribo.

Nel aparecen representadas as 38 persoeiras, ás que puxo cara durante o curso pasado o alumnado de 3º e 4º da ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual do IES Dionisio Gamallo, encargado de realizar os retratos destas mulleres, entre as que se contan mariñás como Maruxa Mallo, galegas como Antonia Ferrín, a primeira astrónoma do país, e figuras internacionais como a cosmonauta Valentina Tereshkova, a primatóloga Jane Goodall ou a fotógrafa Matilda Anderson

Os seus rostros conforman agora a baralla da Tribo, onde as protagonistas van identificadas por cores, en función do seu campo profesional (arte, literatura, deporte ou ciencia) e polos respectivos lugares de procedencia. 

O xogo de cartas repartirase entre cada alumna e alumno dos colexios Sagrado Corazón de Xesús e Gregorio Sanz, e tamén ao alumnado de 1º da ESO do IES de Ribadeo, que durante a primeira metade do ano participaron neste proxecto divulgativo que, segundo as súas impulsoras, parte da premisa de que "aquilo que non se nomea non existe".

Nomes e caras

Por iso, o primeiro foi pór os nomes.

Durante os primeiros meses do ano, alumnado de Infantil e Primaria dos centros participantes realizou un proceso no que, despois de indagar na biografía das mulleres seleccionadas, decidiron nomear, mediante placas coas ilustracións, as súas aulas en homenaxe a cada unha delas. 

Esas aulas convertéronse, ademais, en portas á historia grazas ás "viaxes no tempo" polas que as protagonistas relataron en primeira persoa a súa biografía e os seus logros, a través da colaboración da clase de coeducación do IES Dionisio Gamallo, catro profesoras do centro e dúas voluntarias do grupo de teatro de Ribadeo, para máis nunca caer no esquecemento.