Análise

Feixoo quería fecharse só a Portugal e finalmente cedeu ao fechamento total

Feixoo con Díaz Ayuso nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
O obxectivo inicial do presidente da Xunta de cinguir só as restricións aos cidadáns portugueses non atendía a criterios técnicos e fíxose pública cando os responsábeis do Centro Europeo de Alarmas advertiron de que a situación de Madrid está descontrolada.

Galiza permanecerá finalmente fechada entre a quinta feira de 4 de decembro e a terceira feira de 9 de decembro. A decisión anunciouna hoxe o representante da Xunta da Galiza no marco da reunión do comité de coordinación sobre o virus entre o Goberno estatal e os seus homólogos autonómicos, logo de que o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo sinalase pola maña a súa intención de limitar o fechamento só a Portugal, permitindo a libre mobilidade co resto do Estado. Malia que o Executivo galego xustificou o seu cambio de posición argumentado que non era posíbel legalmente esta alternativa -a súa preocupación focalizábase na situación epidemiolóxica do país veciño- as razóns reais da mudanza de criterio continúan sen estar claras.

A oposición reclamaba o fechamento da Galiza

A proposta de Feixoo de reducir a mobilidade só a Portugal foi criticada desde as forzas da oposición parlamentaria, que denunciaron os riscos de manter aberta a circulación co resto do Estado e instaron o presidente da Xunta a fechar Galiza co obxectivo de evitar un aluvión de visitantes nos próximos días.

Neste sentido, Gonzalo Caballero esixiu ao presidente da Xunta que puxese "encima da mesa” blindar a Galiza, criticou que se puidese viaxar “a Baiona ou Cedeira desde outras localidades do Estado” pero "non desde Vigo nin desde Ferrol" e cualificou de "contraditorio" que se fechase a fronteira con Portugal mentres se abre a man a "entradas á Galiza desde outras comunidades autónomas con focos da pandemia".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, demandou o “feche perimetral” da Galiza, afirmando que lle resultaba “precipitado” iniciar un desconfinamento nun momento en que “os datos, aínda que mellores, o que nos están indicando é que debemos ser prudentes, que debemos extremar as precaucións para non tirar pola borda o esforzo que está a realizar a poboación e moitos sectores económicos ao longo de tres semanas de confinamento".

"Hai que ter en conta que, mesmo no nivel máis favorábel do tres especificados por Feixoo, permítense 100 contaxios por cada 100.000 habitantes, o dobre que a cifra que a Organización Mundial da Saúde (OMS) considera un nivel de risco alto", continuou Pontón, quen chamou á prudencia ao Goberno galego.

Dúbidas cos datos que ofrece Madrid

A decisión de Feixoo de cinguir só as restricións aos cidadáns portugueses non atendía a criterios técnicos e fíxose pública cando os responsábeis do Centro Europeo de Alarmas advertiron de que a situación de Madrid está descontrolada e cando unha parte importante da comunidade científica internacional cuestiona os datos de contaxios divulgados nas últimas semanas polo Executivo de Isabel Díaz Ayuso

A este respecto, as autoridades comunitarias recordan a letalidade de Madrid nesta segunda vaga, cun número de mortes que duplica as de Catalunya e cun nivel de ocupación das prazas da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) que non se corresponde coa cifra de positivos ofrecidos polo Goberno madrileño. Nesta liña, apuntan a unha tentativa de ocultar o alcance da doenza pola vía de reducir o número de probas de PCR.

Xa hai madrileños no país

O anuncio do Goberno galego de proceder ao feche perimetral da Galiza chega, precisamente, cando un grupo importante de cidadáns madrileños se desprazaron xa, ao longo da última semana, ás súas segundas residencias na Galiza e cando se agardaba un fluxo masivo de visitantes desa comunidade coincidindo coa ponte. A este respecto, nos últimos tiñan xurdido numerosas queixas entre as poboacións das vilas turísticas galegas, que denunciaban o risco que supuña a súa presenza na Galiza e denunciaban que unha parte deles incumpre as normas sanitarias.

Ao tempo, os estabelecementos hostaleiros da área litoral galega recoñecían un aumento importante de reservas para os próximos días festivos así como numerosas chamadas de cidadáns madrileños interesándose polos niveis de restricións existentes para programar as súas viaxes á Galiza.