Análise

Feixoo sen policía autonómica fronte á pandemia

Axentes de Ertzaintza, da Policía Foral de Nafarroa e dos Mossos d'Esquadra (Foto: Europa Press)
O presidente da Xunta denuncia a ausencia dos instrumentos necesarios para facer fronte á situación e cuestiona a falla de capacidade legal da Administración galega para actuar con máis eficacia contra o virus.

O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, afirma agora que o actual marco competencial impide ao Goberno galego dar unha resposta axeitada á pandemia. O actual inquilino de Monte Pío denuncia a ausencia dos instrumentos necesarios para facer fronte á situación e cuestiona a falla de capacidade legal da Administración galega para actuar con máis eficacia contra o virus. A posición defendida polo mandatario galego contrasta coa actitude mantida nos seus máis de 11 anos de goberno, en que non demandou a transferencia á Galiza de ningunha competencia, cuestión inédita na historia do réxime autonómico e que non resiste comparación con calquera outro territorio do Estado.

O presidente galego ten exposto a situación, contraditoriamente, no Parlamento. Así, nunha intervención a finais de xaneiro desde a tribuna da Cámara, Feixoo aseveraba: “Que menos que durante o estado de alarma as forzas e corpos de seguridade do Estado se puxesen a disposición dos presidentes autonómicos para vixiar as normas en materia da pandemia! Que menos! Que menos que a policía municipal se puxese a disposición dos presidentes autonómicos para vixiar as normas en materia da pandemia! Que menos! Sorprendente, señorías, que nun estado de alarma, o responsábel do estado de alarma non teña corpos e forzas de seguridade”.

Sinceridade ou teatralidade

A demanda dunhas forzas de seguridade baixo o mando do Goberno galego non deixa de causar sorpresa á vista da política defendida por Feixoo até hoxe. En outubro de 2020, a última ocasión en que o tema se tratou no Parlamento galego, o Partido Popular rexeitou unha proposta en que o BNG reclamaba, outra vez, a posta en marcha da policía galega, argumentado os populares que non se trataba para eles dunha prioridade.

Na mesma liña, o presidente galego non moveu ficha nos últimos anos para desenvolver as competencias propias que permitirían contar hoxe cunha policía galega baixo o mando da Xunta, significándose ao respecto a paralización da aplicación da Lei de policía da Galiza de xuño de 2007.

O Estatuto de Autonomía de 1981 fixa no seu artigo 27.25 como competencia exclusiva da Galiza “a creación dunha Policía Autónoma de acordo co que dispón a Lei Orgánica prevista no artigo 149. 1.29 da Constitución”. Porén, transcorridos practicamente 40 anos da aprobación do texto autonómico, o Goberno galego non conta cunha forza de policía, propia senón cunha unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma galega, que depende organicamente da Dirección Xeral da Policía do Ministerio do Interior de España e funcionalmente da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta.

Así as cousas, a Galiza non dispón dunha Policía propia como acontece en Catalunya cos Mossos d'Esquadra, en Euskadi coa Ertzaintza, en Nafarroa coa Policía Foral, nas Canarias coa Guanchancha ou en Madrid coas Brigadas Especiais da Seguridade.

O tempo demostrará a sinceridade desta petición de Feixoo dun corpo de seguridade propio na Galiza. A solución está en mans do Goberno galego, a quen lle corresponde desenvolver as competencias recollidas no Estatuto, polo que outra actitude que non sexa esa deixa sen credibilidade a proposta, agás que o mandatario galego estea empregando agora esta cuestión dentro da súa estratexia de confrontación co Executivo estatal.