Feixoo desbota restricións e recomenda limitar a dúas familias as reunións de Nadal

Un grupo de xente observa o alumeado de Nadal de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez Europa Press)
A Xunta evita estabelecer de maneira oficial restricións para as festas malia o nivel de contaxios da Covid-19, mais apela á responsabilidade persoal da cidadanía.

A Noiteboa e o Nadal galego decorrerán sen novas prohibicións, nin nos fogares nin na hostalaría, malia o aumento descontrolado dos contaxios da Covid-19. Así o anunciou esta cuarta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que si pide un exercicio de autolimitación á cidadanía do país.

Malia non querer estabelecer de maneira oficial un paquete de restricións, Feixoo demandou a galegas e galegos esta cuarta feira que reduzan "a un máximo de dúas unidades familiares as celebracións" nos fogares.

"Cantas menos persoas se reúnan a comer mellor. Se pode ser unha ou dous, mellor que tres ou ou catro ou seguintes", destacou, após participar nun encontro de presidentes dos distintos territorios co seu homólogo no Executivo do Estado español, Pedro Sánchez, no que solicitou recuperar a obrigatoriedade do uso das máscaras en exteriores

"Se podemos cear coa nosa propia unidade, o risco será inexistente; se queremos ampliar a dous, paréceme controlado. A partir de aí empezamos en zonas de máis descontrol e maior risco", insistiu.

De momento é só "unha recomendación", aínda que si se vai estudar permitir a celebración de festas de Fin de Ano e a posibilidade de que as cabalgatas de reis sexan estáticas.

"Non imos expor ningunha prohibición de capacidade nin impor outras prohibicións, pero aconsellamos", destacou sobre esta primeira semana de festas de Nadal.

Máscaras en exteriores

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quixo suavizar a medida que aprobará na quinta feira o Consello de Ministros de volver fixar o uso obrigatorio da máscara en exteriores, e para iso, anunciou que se estabelecerán excepcións concretas para a práctica do deporte ou para cando unha persoa está soa no campo ou na praia. 

En calquera caso, Sánchez precisou que a volta á obrigatoriedade do uso da máscara en exteriores producirase o día 24 de decembro, cando se publicará este decreto aprobado polo Consello de Ministros no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Ademais, o xefe do Executivo xustificou a decisión de non tomar medidas máis restritivas en que, segundo dixo, a situación "non é a mesma" que a do inicio da pandemia en marzo de 2020 e a do nadal pasado pese ao aumento explosivo de novos casos de coronavirus. Neste contexto, Sánchez insistiu na vacinación como elemento para non tomar máis restricións no futuro, volvendo poñerse obxectivos por grupos de poboación para inocular coa dose de reforzo.

Sen problemas nos hospitais

Por outra parte, o representante do Goberno galego garantiu que, polo de agora, a situación nos hospitais do país está controlada, se ben nesta xornada transcendeu o colapso no sistema de realización de PCR de balde na sanidade pública. Ademais, hospitais como o de Pontevedra e o de Vigo xa anularon cirurxías pola sobrecarga asistencial derivada da COvi