Feixoo pedirá “un informe pormenorizado” sobre as queixas denunciadas por Chicote

Imaxe: La Sexta

O presidente recoñece que non veu o programa onde se denunciaba a calidade dos menús nun centro de educación especial na Galiza mais que persoas que o asesoran informáronlle do contido.

Núñez Feixoo encargou á Consellería de Educación un “informe completo e pormenorizado” sobre as queixas en torno á calidade e seguridade dos menús que se sirven no centro de educación especial María Mariño e que foron obxecto de polémica e denuncia no programa de TV que presenta o cociñeiro Chicote. Así o anunciou o presidente na súa comparecencia posterior ao Consello da Xunta.


Feixoo recoñeceu que non veu o programa mais que os seus colaboradores lle informaron do contido do mesmo e por iso decidiu abrir unha investigación. 


O cociñeiro e presentador televisivo Chicote iniciou a segunda tempada de ‘Te lo vas a comer’ cunha reportaxe a partir das denuncias de pais e nais sobre a comida nos centros de alumnado de educación especial. Pediu explicacións ao delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, ao que deixou en evidencia.