Feixoo sobre o paseo ‘sen máscara’ con Casado: “Se teño que pedir disculpas, pido disculpas”

Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo saíron do restaurante sen máscara, no monte de San Pedro, A Coruña. (Foto: Nós Diario)

Manifestouno a preguntas dos xornalistas.

 

O paseo sen máscara de Núñez Feixoo e Pablo Casado deu que falar durante esta fin de semana, con recriminacións e reproches a ambos os dous por, nun contexto de pandemia e chamada a cumprir as normas de seguridade, non levar posta esta protección. Desde a oposición instaran o mandatario do PP galego a se disculpar. Así, Ana Pontón(BNG) manifestou: "Feixoo ten que desculparse e dar expicacións logo de posar sen máscara e sen distancia de seguranza con Casado"

Na mañá desta segunda feira chegou o recoñecemento por parte de Núñez Feixoo do seu 'erro' mais foi un recoñecemento estilo Feixoo:“Se teño que pedir perdón, pido perdón”, respondeu o presidente galego a preguntas dos xornalistas esta segunda feira, segundo adiantan na Cadea Ser.

O presidente manifestou "non ter inconveniente en pedir desculpas se hai que pedilas" polos contactos que houbo sen máscara, como acreditaron persoas que acudiron ao acto. 

Durante este domingo, varios xornalistas e fotógrafos que estiveron no acto do PP de Feixoo e Casado foron chamados para realizaren a proba PCR.

Os dous políticos protagonizaron unha escena curiosa nas inmediacións do restaurante enclavado no monte de San Pedro, no que tivo lugar unha comida de celebración previa ao acto. Feixoo e Casado, para facer un posado coa cidade herculina de fondo, saíron do xantar sen a máscara, conta un dos asistentes a Nós Diario. Logo, alguén do seu equipo advertiulles que puxesen este elemento de protección (e de uso obrigatorio) para tirar as imaxes.

Após este comportamento pouco responsábel por parte dos dous políticos, a chamada a facer a PCR quer dos xornalistas quer doutros cargos do partido, está vencellada ao positivo en Covid-19 de Rosa Quintana, conselleira de Mar da executiva de Feixoo.