Feixoo, de novo sen máscara nun acto nun espazo público

(Foto: Concello de Ourense)

O presidente reincide, desta vez en Ourense.

O pasado mes de decembro Núñez Feixoo situábase no albo de críticas e reproches por un paseo sen máscara con Pablo Casado, líder do PP español, na Coruña. Ambos os dous  saíron sen máscara para facer un posado coa cidade herculina de fondo, até que alguén do seu equipo lles advertiu que a puxesen para a fotografía. O gabinete de prensa do partido pediu aos gráficos que non divulgasen as imaxes. 

Daquela, e tras as múltiples críticas recibidas, Feixoo, a preguntas dos xornalistas sobre ese paseo, tivo que recoñecer o seu erro mais fíxoo ao xeito de Feixoo: “Se teño que pedir desculpas, pido desculpas”.

Agora, en xaneiro, o presidente da Xunta volve reincidir e está sen máscara nun acto nun espazo público. Desta volta en Ourense, en plena rúa. Na foto publicada polo Concello de Ourense vese ao presidente da Xunta ás portas do Pavillón dos Remedios e sen máscara, que si levaba o alcalde ourensán, Pérez Jácome.

As máscaras son obrigatorias en calquera espazo público desde xuño do ano pasado, cando Galiza se convertiu no primeiro territorio do Estado en estrear a denominada  'Nova Normalidade'.