Feixoo négase a contestar a un reporteiro gráfico que lle preguntou polos ‘venres negros’ na CRTVG

“A miña obriga é contestarlle aos xornalistas” díxolle o presidente. Vídeo no interior.

O persoal da CRTVG acumula xa 30 sextas feiras de mobilización contra a manipulación e censura nos medios públicos galegos. Esta quinta feira, e na comparecencia após o Consello da Xunta, Núñez Feixoo foi preguntado por un reporteiro sobre se o goberno galego ía adoptar medidas ante esas protestas das e dos traballadores dos medios públicos. O presidente limitouse responderlle: “A miña obriga é contestarlle aos xornalistas”.

 

O feito de quen fixo a pregunta fose un reporteiro gráfico foi motivo abondo para o presidente para non ter que respostar a unha pregunta que, a todas luces, lle incomodaba.

 

 

 

O Colexio de Xornalistas a través das redes sociais xa se posicionou sobre este suceso. Así, sinala "xa que representamos máis de mil periodistas, reiterámoslle a pregunta do reporteiro gráfico: Ten previsto tomar algunha medida ou merécelle algún comentario o venres negro 30 na CRTVG?".