Feixoo: "A intencionalidade dos incendios na Galiza xa é un clásico"

Alberto Núñez Feixoo nunha rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
O presidente da Xunta destacou que o prioritario é manter intactas as vivendas e o patrimonio da veciñanza. Tamén agarda que os lumes queden controlados pronto, dado que os números de hectáreas queimadas na tempada de verán eran máis reducidos que outros anos até esta fin de semana.

Non só os grupos da oposición e o voceiro parlamentario do PP manifestáronse esta segunda feira a respecto dos lumes que afogan a varias comarcas do sur galego. Mentres a nacionalista Ana Pontón e o socialista Gonzalo Caballero poñen en dúbida as políticas de loita contra os incendios, o presidente fala para reiterar as teorías da Consellaría de Medio Rural sobre a intencionalidade en todos os focos detectados.

Con máis de 7.500 hectáreas de paraxes naturais desaparecidas polo paso das chamas, Alberto Nuñez Feixoo lamenta a virulencia coa que están avanzando as distintas frontes.

No entanto, centra o seu discurso en subliñar "a intencionalidade dos incendios na Galiza xa é un clásico".

O lider popular fixo estas declaracións nunha visita a Noia, onde tamén o interrogaron sobre os operativos de extinción. Neste sentido, aclara que a prioridade é "preservar as casas e o patrimonio" da veciñanza afecta.

Recalca que polo de agora seguen "a salvo" malia que a xornada de onte foi "complicada". Xustifica esta aseveración recordando que se orixinaron varrrios lumes "de forma simultánea e sucesiva".

Hai distintos focos nos mesmos municipios e incendios declarados en comarcas non moi lonxanas entre si. De momento, moito deles están avanzando sen control pero Feixoo di ter a confianza de que a situación quede estábel pronto.

Un dos seus intereses é fechar a tempada estival cun datos que, até esta fin de semana, estaban sendo "positivos" con respecto ao número de hectáreas calcinadas outros anos.