Feixoo insta ao Estado a incorporar legalmente a petición do certificado Covid na hostalaría

Un cliente na barra dun bar, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
O presidente da Xunta considera un "éxito clínico e xurídico sen precedentes" a sentenza do Tribunal Supremo que avala o pasaporte de vacinación que o seu goberno quixo estabelecer como sistema de control na Galiza e bateu coa negativa do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Despois que de o Tribunal Supremo dese o seu aval ao certificado Covid esta terza feira, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que se trata dun "éxito clínico e xurídico sen precedentes". Desde o seu punto de vista agora sería o momento de que o Executivo do Estado español insira esta ferramenta de control nun marco legal para poder recorrer a ela nalgúns casos, como un posíbel incremento dos contaxios.

Feixoo sinalou nesta cuarta feira que se conseguiu ese auto grazas á "documentación e acreditación" axeitadas e á "correcta" delimitación do "territorio exixíbel".

Neste contexto dixo que agarda que o Goberno español, contra o que arremeteu por non atender esta petición da Galiza con anterioridade, "incorpore á lexislación a exixencia do certificado Covid nos momentos de contaxios superiores ou determinadas actividades para que se fagan sen límite e volver á actividade económica" plena.

De feito, malia que cando a Xunta quixo estabelecer o uso dese pasaporte que garantía a vacinación á hora de acceder aos negocios a situación epidemiolóxica era peor que a de agora, avanzou que xa se está a estudar como aplicar a sentenza que "avala ao mil por cen" ao seu Executivo.

"Aplicaremos a sentenza no caso de que volvan subir os índices de contaxio naqueles territorios onde os índices estean altos", incidiu Feixoo, quen lembrou que no país agora "non hai un índice suficiente" para exercitar esta petición.

Desde o seu punto de vista, esta é a "solución máis necesaria, proporcionada e máis idónea que as autoridades poden implementar".

"O TS vén dar a razón aos que cremos que o certificado Covid non só vale para subirse a un avión e, por tanto, debe servir para outras moitas finalidades, para acreditar seguridade sanitaria, tanto para as persoas que entran nunha sala aberta ao público como as persoas que traballan" neles, ou nun hotel ou restaurante. Tanto é así que teorizou sobre o diñeiro que tería circulado no Estado a nivel turístico de contar con esta ferramenta de control antes.