Feixoo exixe solucións para evitar a "xudicialización da pandemia" cando remate o estado de alarma

Cadeiras sen uso nun local de hostalaría. (Foto: Beatriz Císcar / Europa Press)

Galiza é un dos territorios que demanda ao Executivo do Estado español a ampliación da medida excepcional ou algunha outra fórmula que permita controlar os toques de recoller, os fechamentos perimetrais e outras limitacións que, a priori, non terían cabida sen a alerta.

No marco da súa visita a Madrid, que tamén decorreu hoxe despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, acudira onte como participante a un acto na honra da escritora Emilia Pardo Bazán -na que ve un nexo que une Galiza e Madrid-, este demandou ao Goberno do Estado español solucións para evitar que os controis para evitar unha expansión do virus se compliquen unha vez remate o estado de alarma.

Desde o seu punto de vista, a equipa de Pedro Sánchez ten que traballar para fornecer ferramentas as distintas administracións territoriais, de maneira que malia que non haxa esa alerta excepcional si estean xustificadas limitacións como os fechamentos á mobilidade ou os toques de recoller.

De feito, Feixoo apoiaba hai pouco a petición de Euskadi para ampliar o estado de alarma de maneira que se puidera dar acollida legal a todos aqueles controis da pandemia que se deran nas distintas zonas.

Segundo explicou aos medios, precísase “seguridade xurídica” para tomar decisións e unha pauta estatal daría marxe a evitar a “xudicialización da pandemia”.

Estas declaracións foron feitas após unha reunión coa vicepresidenta segunda, Navia Calviño, e insistiu en que hai que aportar algunha solución porque acudir aos tribunais para lograr autorización específica para cada iniciativa “non é unha ferramenta”.

“Temos que tratar a pandemia con criterios sanitarios e non con presión aos tribunais superiores de Xustiza”, remarcou nun recado claro para Sánchez.

E a resposta debe chegar pronto porque o estado de alarma remata o día 9 de maio.