Feixoo desexa “sorte” a Pérez Miramontes, detido nun operativo contra a trata de mulleres

O presidente agarda que “aclaren posíbeis sospeitas que hai” sobre as persoas detidas na operación, acusadas de traer mulleres de Paraguai para obrigalas a exercer a prostitución. A Policía considera Pérez Miramontes, que dirixira o sindicato agrario próximo ao PP, líder da rede de trata. 

A Núñez Feixoo “non lle preocupa” a detención de Juan Pérez Miramontes, ex presidente de Xóvenes Agricultores (XX.AA) nunha operación da policía contra a trata de mulleres en Compostela. A preguntas dos xornalistas dixo ter “preocupación cero” sobre a detención do que fora líder da rama agraria do PP, ao que desexou “sorte”.

 

“Que aclaren as posíbeis sospeitas que hai sobre eles e deséxolles sorte a a todos, por suposto a este galego e a calquera galego en calquera momento”, dixo Feixoo.

 

No operativo foron liberadas 12 mulleres. A Policía española considera Pérez Miramontes como o líder desta rede de trata de mulleres.

 

Pérez Miramontes foi o dirixente de Xóvenes Agricultotres, rama agraria do PP que foi disolta en 2016 por un xulgado após concurso de acredores e anos de problemas e dificultades económicas que non impedían a Miramontes levar un elevado nivel de vida, con coches de luxo e mesmo un iate en Sanxenxo polo que pasaron dirixentes como Mariano Raxoi. Mentres, os traballadores e traballadoras de XXAA acumulaban meses sen cobrar os seus salarios.