Feixoo sobre a Covid: “Ou nos coidamos ou teremos dificultades para o Nadal”

Feixoo visitou este sábado unha exposición sobre Antonio Palacios na compañía de Martínez-Almeida. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, dixo ter esperanza nos efectos positivos da campaña de vacinación, mais recomendou prudencia á cidadanía para que as restricións non vaian a máis de cara ás festas.

A Xunta recomenda prudencia ás galegas e galegos debido a chegada da sexta onda do coronavirus e á proximidade das datas festivas. Así o trasladou este sábado o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo, durante a súa visita a unha exposición en Vigo na que estivo acompañado polo alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.

Preguntado polos medios e á vista dos últimos datos fornecidos pola Consellaría de Sanidade, Feixoo explicou que as áreas sanitarias de Ourense e Vigo están “especialmente castigadas” polos contaxios da Covid-19.

“Ou nos coidamos ou teremos dificultades para o Nadal, que todos queremos gozar”, advertiu, nunha chamada a respectar as medidas restritivas.

A este respecto, o mandatario amosou certa confianza na vacina a pesar do descoñecemento que está a recoñecer a comunidade internacional ao respecto da variante ómicrom.

Coa vista posta na vacinación

"Espero e desexo que a medida que vaiamos finalizando a vacinación dos maiores de 60, que espero que o podamos facer os próximos días, comece a baixar a incidencia", xustificou.

Así mesmo, prevé rebaixar a prevalencia do virus nas crianzas de entre 5 e 11 anos cando comece a inoculación do fármaco deseñado por Pfizer, cuxas doses estarán “dispoñíbeis a partir do 13 de decembro”.

Tamén no que respecta á  estratexia de vacinación, Sanidade informou este sábado de que continúan co proceso programando ao redor de 37.000 citas diarias nos distintos puntos de vacinación das sete áreas sanitarias. As citas féchanse a través de mensaxes de texto aos teléfonos móbiles.