Feixoo sobre a Covid-19: "Quedan meses moi duros"

Feixoo falou hoxe do futuro coa pandemia. (Foto: Europa Press)
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, advirte ao seu equipo de que hai que "seguir resistindo" e de que o desafío é de gran magnitude.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo,que esta segunda feira comezou a facer balance dos seus primeiros 100 días de mandato recoñeceu que o que queda de pandemia non vai supor unha etapa sinxela.

Xunto con algunhas conselleiras e altos cargos do Executivo galego falou de "cen frenéticos" días que lle fan prever que aínda hai moito que loitar contra a Covid-19.

Así advertiu ao seu equipo da "magnitude do desafío" até que se logre "vencer" tanto o coronavirus coma os seus “efectos demoledores".

Desde o seu punto de vista, Galiza non terá problema para “seguir resistindo” esta segunda onda e mesmo “todo o que poida ocorrer” até que se poña en marcha a campaña de vacinación (prevista para a segunda semana de xaneiro), pois xa hai persoas expertas que falan da posibilidade dunha terceira vaga do virus após as festas de Nadal.

Por iso, cunhas persoas por vía telemática e con outras de forma presencial, insistiu en que o que reste desta etapa de inestabilidade sanitaria -que deriva en outros ámbitos- non será “sinxelo”.

“Quedan meses duros, moi duros para todos; meses de distancias, de máscaras, restricións e de extraordinaria complexidade loxística”, subliñou. A mensaxe ten outra destinataria clara: a cidadanía.

Un traballo de longa duración

Aliás cando o coronavirus pase, a Administración terá que “seguir un tempo xestionando os demoledores efectos”, non só sanitarios senón tamén económicos e, polo tanto, sociais.

Non vos podo prometer que sexa sinxelo, relaxado ou que o vaiades pasar ben, pero creo que a estas alturas xa o sabemos todo”, avisou ás e aos representantes políticos, aos que asegurou que o traballo “pagará a pena”.

“Cando miremos cara atrás, poderemos dicir que vencemos a pandemia, recuperamos o emprego e a industria, e que ordenamos e deseñamos a Galicia de 2030”, xustificou a súa mensaxe.