PARLAMENTO DE GALIZA

Feixoo na comisión de sanidade: monólogo e autoabsolución

Imaxe: Xunta

A comparecencia do presidente na comisión parlamentar sobre o deterioro da Sanidade pública céntrase en xustificar as políticas sanitarias destes anos e atacar a oposición.

O PP e Feixoo fixeron de xuíz e parte na comisión parlamentar sobre a sanidade pública. Unha comisión convocada grazas á unidade da oposición e da que esta se ausentou pola deturpación da mesma que o PP fixo empregando a súa maioría como rolo. Así pois, a comisión reduciuse a ser é un altofalante do goberno galego e a iso se dedicou Feixoo na súa comparecencia.

 

Foi, pois, a comisión un monólogo de Feixoo e o PP. O presidente realizou unha intervención de case unha hora de duración. Deulle tempo para poñer tarefas ao goberno español: que faga unha convocatoria extra de prazas MIR xa que a Xunta non ten competencias para iso. Unha solicitude curiosa procedente do mandatario do goberno galego que durante case unha década non fixo nin unha petición de traslado de competencias.

 

Cargou tamén contra a oposición, acusándoos de tentar desvirtuar e prexudicar a sanidade pública en base a unha serie de cuestións concretas, como o falecemento no PAC da Estrada ou polo retraso da medicación acaída na Hepatite C. Pouco semella que lle importaron a Feixoo as denuncias e alertas dos propios profesionais da sanidade ao longo de todos estes anos e con especial incidencia nestas semanas sobre o deterioro da sanidade pública.

 

O portavoz de En Marea, Luís Villares, asegurou que a comparecencia de Feixóo na comisión de investigación sobre a situación da sanidade pública galega “só se explica desde o descoñecemento da realidade”. Lamentou que non falara “nin dos colapsos en urxencias, nin das listas de espera interminables, nin da derivación á privada, nin a falla de recursos na atención primaria, nin da falla de pediatras que existen en todo o sistema sanitario galego”. 

 

“Feixóo en estado puro, case resentido porque se faga visible a situación da sanidade  pública, prepotente, que ataca a todo aquel que lle leva a contraria, que nega as denuncias dos propios profesionais da sanidade e que utilizou a comisión de absolución do PP para criticar á oposición”. Así resumía a portavoz nacional, Ana Pontón, a intervención do presidente da Xunta na comisión de investigación da sanidade en solitario do PP, que cualificou como “sesión botafumeiro”.

 

O portavoz do Grupo Socialista, Xaquín Fernández Leiceaga, o presidente da Xunta a iniciar unha “reforma en profundidade” da sanidade pública para restaurar o dano ocasionado polos seus recortes