Feixoo fala do risco dun "cóctel explosivo" polo "lecer descontrolado, botellóns colectivos e falta de vacinas"

Alberto Núñez Feixoo durante a súa participación no Foro Diálogos Gallaecia este domingo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

Avisa de que haberá máis restricións "se fai falta"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, advertiu que, se o requiren os datos -por exemplo nas zonas máis afectadas por casos asociados ao foco de Mallorca-, endureceranse as restricións, á vez que alertou das consecuencias do "lecer descontrolado" e lanzou "un rogo": "Non fagamos botellóns, son ilegais e un foco de contaxio seguro".

"Pido aos mozos que non o fagan e ás policías locais que os impidan porque son actos ilegais desde o punto de vista de saúde pública e irresponsábeis desde o punto de vista dos contaxios masivos", trasladou, en declaracións aos medios en Vigo. Non en balde, recalcou que "o virus existe, está activo e as posibilidades de contaxiarse son máis altas agora que no inicio" da pandemia. Como argumento, esgrimiu que o virus "ha ir mutando" e o variante delta é "moi contaxiosa".

"Así quedou acreditado nesta festa sorprendente que houbo en Mallorca", dixo Feixoo, antes de insistir en que o botellón é unha práctica "ilegal". "O é agora, serao despois da pandemia e érao antes. Pero en plena pandemia un botellón é algo incomprensíbel", subliñou.

Ao tempo, lembrou os efectos en Galiza do foco, xa que hai máis dun centenar de positivos asociados ao mesmo (a maior parte na provincia de Pontevedra) e que está previsto que cheguen a Galiza outros 90 estudantes procedentes de Mallorca, a quen se lles ofrece participar nun cribado ao aterrar en Santiago.

Ademais, insistiu en "pedir desculpas" aos mozos por que non hai vacinas "suficientes" para eles. Pero tamén lles pediu "un pouco de paciencia". "Este será o último verán con restricións para a xente nova se nos coidamos e chegamos ao outono sen ningún desgusto e sen ningún surto explosivo como se pode dar nun cóctel perigosísimo de lecer descontrolado, botellóns colectivos e falta de vacinas", garantiu.

"Iso produce contaxios e esnaquiza os veráns desa xente que quere gozar, das súas familias e supón un incremento de presión preventiva e asistencial que os servizos de saúde non se merecen", engadiu.

En todo caso, Feixoo deu a entender que xa hai efectos, dado que os efectos do foco están localizados de forma maioritaria na provincia pontevedresa, e na pasada xornada Pontevedra e Vigo rexistraron "taxas altísimas de positividade, de case dous díxitos, cando a contorna de Galiza estivo no 2%".

"Isto débese basicamente aos máis de cen contaxiados e imos ver que ocorre cos 90 que chegan esta terza feira", esgrimiu o presidente galego, antes de facer o "rogo" de erradicar os botellóns.

En canto a se se introducirán máis restricións, sinalou que o protocolo da pandemia está "vixente" e non quedou "derrogado" porque sexa "verán", á vez que incidiu en que Galiza empeorou o seu cociente de incidencia, que estaba entre as mellores do Estdo.

Así as cousas, concluíu que se nalgunha zona, concello ou cidade acádanse os valores que así o determinan seguirase o protocolo e endureceranse as restricións. "Aínda temos moito que subir, pero ninguén pode desbotar que haxa restricións nalgún concello ou cidade se se dan os valores e o protocolo esixe unha restrición inmediata", resolveu.