Feixoo avoga por unha desescalada "flexíbel e segura" baseada na capacidade de cada área sanitaria

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo (David Cabezón).
O presidente da Xunta aposta por un modelo de desescalada baseado no mando único e cunha aplicación asimétrica e flexíbel nos territorios en función das súas necesidades específicas. Así llo trasladou esta mañá ao xefe do Executivo estatal no transcurso da reunión que Pedro Sánchez mantivo cos presidentes territoriais.

Alberto Núñez Feixoo avoga por que o Goberno do Estado estabeleza o marco e a metodoloxía da da desescalada mais co obxectivo de que os territorios do Estado poidan axustalo ás súas necesidades específicas.

Neste sentido, destacou a importancia da coordinación e de coñecer o horizonte que manexa o Executivo para esta fase de transición.

O urxente, a desescalada

Nunha comparecencia, após a sétima conferencia de presidentes, Alberto Núñez Feixoo asegurou que o desafío, despois de seis semanas de confinamento, “está mudando”. “Os datos, desde o punto de vista do impacto da pandemia, son bos. Agora, sen descoidar as pacientes nin a situación sanitaria, o urxente é a desescalada”, engadiu.

A Xunta reclama unha desescalada segura, gradual e reversíbel.

Neste sentido, o presidente do Goberno galego indicou que a volta á actividade normal non vai ser a mesma, máis será unha “nova normalidade” na que as autoridades sanitaria, económicas e sociasi deben centrar os seus esforzos.

Feixoo pediulle ao Goberno estatal que intente pactar o desconfinamento cos territorios, unha solicitude compartida polo resto de presidentes. Desde a Galiza, a Xunta reclamoulle unha desescalada “segura, gradual e reversíbel”, dinámica, dixo Feixoo, para poder reaccionar ante posíbeis rebrotes.

Hai 140 concellos onde nos se rexistrou ningún contaxio novo nos últimos sete días. Nestas zonas podería favorecerse a apertura dalgúns sectores económicos.

Tamén demandou metodoloxías comúns e “axilidade” para “non fallar”. “Porque o dano pode ser moi grave para as familias, a clase traballadora e a economía”. Na mesma liña, exixiu certezas para non perder co tempo co rol que lle corresponde cada administración pública.

Tal como avanzou Pedro Sánchez, aseverou o presidente da Xunta, “Galiza coincide en que é razonable un mando único para todo o Estado, con parámetros comúns para todos os territorios mais con especial consideración da xeografía, a dispersión da poboación e a situación epidemiolóxica de cada zona”.

O xefe do Executivo galego amosouse partidario de incluír unha cláusula de salvagarda territorial “para que nos poidamos mover con certa flexibilidade e decidir, con comunicación previa ao Goberno do Estado, a apertura de determinados sectores económicos de acordo coa situación epidemiolóxica en cada caso”.

Estudo epidemiolóxico

Neste sentido, Núñez Feixoo informou que nos primeiros días desta próxima semana Galiza chegará aos 100.000 tests de diagnóstico da COVID-19, ademais dos outros 100.000 que completarán o estudo epidemiolóxico da poboación galega.

Exixiulle o mesmo coñecemento ao Estado, ademais de poñer á súa disposición a metodoloxía coa que traballa Galiza para planificar o desconfinamento. Segundo informou o presidente da Xunta, a súa proposta baséase en tres eixos: xeográfico, demográfico e económico.

Criterio xeográfico

Alberto Núñez Feixoo defende que a asimetría da desescalada non debe coincidir coas divisións administrativas clásicas. “Se o que vamos medir é a capacidade diagnóstica e fortaleza do sistema sanitario, o máis lóxico é que se teñan en conta as áreas da saúdeque na Galiza son sete: A Coruña e Cee, Santiago e Barbanza, Ferrol, Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras; Pontevedra e o Salnés; Vigo e Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.”

En función das súas infraestruturas e capacidades, das garantías que lle ofrezan á poboación e da súa evolución epidemiolóxica, poderían avanzarse decisión puntuais. Neste sentido, salientou que “hai 140 concellos onde nos se rexistrou ningún contaxio novo nos últimos sete días” . Nestas zonas, de baixo risco, podería favorecerse a apertura dalgúns sectores económicos.

Criterio demográfico

O presidente da Xunta explicou que traballan con trs segmentos de poboación: mairoes de 70 anos, entre 15 e 69 anos e menores de 14 anos. As persoas con patoloxías previas e as embarazadas, conformarían grupos específicos.

Criterio económico

Neste sentido, Feixoo avanzou a oportunidade de reactivar os distintos sectores económicos en función das súas características, da súa localización xeográfica e do perfil poboacional que agrupe. Así, avoga por considerar a capacidade de resposta do seu contorno sanitario, os datos específicos sobre a circulación do virus e a implicación dos diferentes grupos de idade, os seus factores de risco e a inmunidade observada.

“A desescalada ten que ser segura e flexíbel”. E para isto, incidiu “a distancia social seguirá sendo unha ferramenta fundamental. Sen eses dous metros non pode haber actividade económica. Con esa distancia, con hixiene continuada e coas máscaras adecuadas nos contextos indicados é razoábel unha reactivación pronta da economía”, destacou o xefe do Executivo galego.

PCR e protocolo único para o uso de máscaras

Alberto Núñez Feixoo avogou por transmitir mensaxes de tranquilidade “dentro da estrita seguridade sanitaria”. Neste contexto reclamoulle ao Goberno de Pedro Sánchez que garanta a subministracións de probas PCR e que canto antes defina un protocolo único para uso de máscaras, co fin de saber quen e cando debe empregar este elemento de protección, o modelo hixiénico, cirúrxico ou social. Pediu tamén asegurar a súa repartición e rebaixarlles o IVE, fixado en 21%.

Concesionarios e mercados

Doutra banda, esas mensaxes de tranquilidade na primeira fase da desescalada, salientou, pasan por reactivar canto antes sectores fundamentais para economía das familia. “Debemos facilitar o inicio da apertura das fábricas de automóbiles. 25.000 familias galegas dependen da automoción. Abrir concesionarios e talleres con cita previa é compatíbel coa seguridade exixida, igual que outros comercios, que poden continuar a súa actividade con cita previa, se é necesario”.

Buscaremos abrir, sen esperar moito, os mercados agrícolas e gandeiros ao aire libre, os mercados de abastos e municipais.

Ademais, Feixoo avoga por proseguir coas obras de rehabilitación de edificios e por reabrir, “sen esperar moito”, os mercados agrícolas e gandeiros ao aire libre, os mercados de abastos e municipais.

Outras consideracións económicas

Por último, o presidente do Goberno galego defendeu a necesidade de participar do 1,5 billóns de euros procedentes dos fondos europeos para afrontar a pandemia Galiza reciba parte dos fondos europeos, así como do 750.000 millóns de euros de débeda liberados polo Banco Central Europeo para contrarrestar os riscos derivados da crise do coronavirus.

En materia monetaria, reclamou ademais, con urxencia, unha reunión do Consello de Política Fiscal para habilitar novas vías de financiamento para cumprir coas medidas que adopte o Goberno estatal sen recorrer aos orzamentos propios.