Feixoo apunta a un "alivio" das restricións a vindeira semana

Alberto Núñez Feixoo presidindo o Consello de Goberno da Xunta (Foto: Arxina).

Galiza abeira os 2.000 falecementos por coronavirus e a presión hospitalaria aumenta malia a ralentización dos contaxios. O paquete de actuais limitacións finaliza a súa vixencia o 17 deste mes, a cuarta feira da próxima semana e o presidente apunta a que poderase dar "algún respiro" nas restricións.

A mediados da vindeira semana algunhas das restricións actualmente vixentes para frear a pandemia na Galiza poderían ser aliviadas. Así o manifestou Núñez Feixoo esta segunda feira. O presidente da Xunta dixo que ve "posíbel" que "a mediados da próxima semana" se poida dar "algún respiro" ao aliviar algunhas das restricións, segundo avanzou a TVG.

Cómpre sinalar que a vixencia do paquete de medidas que se aprobou a finais de xaneiro opola Xunta a proposta do Comité sanitario é até o 17 de febreiro: a cuarta feira da vindeira semana. As declaración de Feixoo indican que estas restricións poderían non ser prorrogadas, ou polo menos algunha das mesmas.

Nunha conferencia de prensa na Coruña, Feixoo celebrou o "o primeiro dato optimista" e "esperanzador", a baixada da positividade ao 4,5 % este domingo con "só 500 novos infectados".

"É un optimismo condicionado porque a presión hospitalaria segue sendo alta", recoñeceu , e apuntou que esta terza feira haberá unha nova reunión do Comité clínico, xuntanza na que non se rebaixarán as medidas vixentes nin se establecerán limitacións novas.

Epidemeólogos como Francisco Caamaño ten advertido en non poucas ocasións do desacertado de avanzar posíbeis fin das restricións en breve, porque iso leva a un escenario que implicaría novas repuntas de contaxios.

Os datos de casos activos e de novos contaxios rexistrados por coronavirus na Galiza apuntan a unha ralentización do avance da pandemia; mais a presión hospitalaria continúa sen dar marxe para boas novas. Un escenario, o de baixada de casos e aumento de ingresados no hospital, que xa advertiron epidemiólogos e sanitarios.

O máis preocupante está na presión hospitalaria: 43 pacientes máis en 24 horas. Aumentan os ingresados por coronavirus nas UCi, que son agora 254 mentres na xornada anterior eran 248; e tamén aumentan en planta: 1.063 agora e 1.026 o día anterior.