Feixoo adxudicou 50.000 euros á canle de Javier Negre, 'EDA TV', días antes de deixar a Xunta

O xornalista Javier Negre e o ex presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feixoo. (Fotos: Telecinco | Europa Press)
O xornalista protagonizou na súa plataforma o programa 'El Camino de Santiago de Negre', no que aproveitou o seu paso por Vigo e Pontevedra para cargar contra os seus alcaldes.

Tres días antes de ser cesado oficialmente como presidente da Xunta, o 26 de abril de 2022, Alberto Núñez Feixoo adxudicou a través da Axencia de Turismo da Galiza, que daquela dependía da consellaría de Alfonso Rueda, dous contratos por un importe total de 50.000 euros á canle dixital de extrema dereita EDA TV, propiedade do xornalista Javier Negre. Previamente, o día 8, esta plataforma fora adxudicataria doutro contrato.

Así o adiantou esta segunda feira El Salto Diario e confirmou posteriormente Nós Diario, que en outubro pasado xa informara do patrocinio do Goberno galego a Negre cando realizou o Camiño de Santiago, nunha viaxe que aproveitou para interpelar o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen cualificou de "chavista", e o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de quen dixo que ten "unha cidade preciosa repleta de sucidade".

Trátase, en concreto, de tres contratos menores de servizos dos que non se ofrece máis información que o concepto, a empresa adxudicataria e o importe. O primeiro, por valor de 17.995 euros, alude á "creación dunha canle de novas turísticas na TV dixital EDA TV"; o segundo, por 15.110 euros, correspóndese cunha "campaña de publicidade" nesta plataforma, e o terceiro, de 16.895 euros —datado, a diferenza dos outros, do 8 de abril—, fala da "promoción do Camiño de Santiago e o Xacobeo 21-22".

Suman no seu conxunto a cifra redonda de 50.000 euros. Porén, e malia ter, segundo figura no portal de Contratos públicos da Xunta, un prazo de execución de 14 días, non se atopan os traballos correspondentes con mención explícita a eses encargos alén da promoción do Camiño e o Xacobeo, que sería o programa de EDA TV titulado El Camino de Santiago de Negre.

Son conselleiros da sociedade mercantil impulsora da plataforma de Negre o ex deputado de Ciudadanos Marcos de Quinto e, en última instancia, o Grupo Eulen —do que é directiva a irmá de Alberto Núñez Feixoo, Micaela—, perante as sociedades Daval Control S.L. e Majal Gestión S.L., baixo control da presidenta executiva de Eulen, María José Álvarez Mezquíriz.