Feísmo, un caixón de xastre nun debate en construción

En 2011 o colectivo Ergosfera organizou o foro Eu si quero feísmo na miña paisaxe (Imaxe: Ergosfera).
O xeógrafo Xosé M. Santos sostén que este concepto negativo trata de maneira superficial e culpabilizadora as problemáticas que di sinalar e convida a deixar de empregalo nos debates sobre o territorio. En tanto, o profesor de Bioloxía Pablo Ramil sostén que abarca o "exemplo dunha paisaxe mal xestionada e serve para achegar unha explicación menos técnica ao público".

A cancela somier, o hórreo de ladrillo, os esqueletos das casas que non foron, ou a praza sen árbores na que ninguén para. Desde a súa primeira aparición na prensa escrita, o termo feísmo virou nun caixón de xastre que engloba cada vez máis significados. E que, unha vez asentado no imaxinario colectivo, non deixa de abrir debates e interrogantes ou de protagonizar publicacións.

En 2004 a editora Difusora organizou en Ourense o primeiro Foro do Feísmo, do que xurdiu a publicación Feísmo? Destruír un país. En 2005 o colectivo Choiva Ázeda convocou o Concurso Fotográfico de Feísmo Urbanístico nas Pontes e recibiu 199 imaxes. En 2007, a capa do primeiro número da revista Retranca incorporaba un Informe retranqueiro, a praga do feísmo.

Atopei un discurso culpabilizador do rural e enfocado no indvidual, di Santos

Con Paisaxe e poder: o debate arredor do feísmo na Galiza, o xeógrafo Xosé Manuel Santos publica xunto coa súa compañeira de departamento María de los Ángeles Piñeiro unha nova achega arredor deste concepto. "Tratei de deconstruir ese termo e atopei un discurso moi superficial que se fixa na estética, culpabilizador do rural e enfocado no individual", explica a Nós Diario.

Sinalar o rural

Santos sitúa o nacemento do termo nunha prensa impresa que ligaba o feísmo a construcións e intervencións no rural. Un discurso que foi recollido polas Administracións publicas. As primeiras referencias recaeron sobre vivendas unifamiliares sen rematar. "Cando son as que se escapan da cultura da débeda, da hipoteca", valora o arquitecto Iago Carro. Santos engade aquelas que imitan a arquitectura de países destinos da emigración. "Teñen un por que", di.

Idealízase ese pasado, como se calquera puidese vivir nunha casa de pedra de cantería, apunta Santos

O xeógrafo fala da nostalxia pola arquitectura popular en pedra de aldeas que caeron no abandono coa desagrarización e por paisaxes que liga á obra de Rosalía de Castro. "Idealízase ese pasado, como se calquera puidese vivir nunha casa de pedra de cantería. E asumimos, por exemplo, que a Ribeira Sacra é unha marabilla, pero ninguén fala de que Sober ou Parada de Sil son dos municipios máis despoboados", apunta.

En 2015, a Guía de campo para a interpretación do feísmo na paisaxe galega integrou novos exemplos deste concepto: construcións de vilas e cidades, galpóns, pero tamén parques eólicos ou portos exteriores. Un dos seus autores, o biólogo Pablo Ramil, defende o uso do termo. "O feísmo é un exemplo dunha paisaxe mal xestionada e conservada, serve para achegar unha explicación menos técnica ao público", di, apuntando tamén as Administracións públicas.

O feísmo serve para achegar unha explicación menos técnica ao público, expón Ramil

Ramil incide en que a maioría dos casos son legais: "Permitíronse moitas barbaridades no territorio". Dá o exemplo da construción dunha torre de doce plantas en Betanzos cualificada de ‘aberración urbanística’ por un xornalista en 1981. "Calquera que a observe hoxe pensará o mesmo”, afirma. "Castelao xa fala de desnaturalización do territorio cando lamenta a plantación de eucaliptos", continúa o biólogo, puntualizando que prefire "ser nostálxico, como Rosalía".

Santos matiza que descartar o termo feísmo non implica negar o maltrato do territorio. "É un ben escaso que estamos a consumir coa extensión das cidades, coa construción de grandes urbanizacións horizontais no litoral. Pero hai que ter en conta que coa detrás da protección da paisaxe tamén hai un interese económico, de uso turístico, que parte das cidades", advirte.

Evitar a brocha gorda

Ambos convidan a afondar neses debates lonxe da brocha gorda do feísmo. "Supón sempre partir dunha visión negativa, cando hai potencialidades dentro do que abarca ese termo. Un exemplo marabilloso é o uso dos galpóns de Cans, no Porriño, para o festival de cinema, a reciclaxe de materiais ou a convivencia das hortas dentro das cidades", relata.

Este é un debate interesante e creo que necesario, mais non se pode partir de botar as culpas, di Santos

"Eu trato de non xulgar, de entender os porque, persoalmente podo preferir un estilo a outro mais é unha cuestión subxectiva", di Santos, e puntualiza que, sen caer nesa nostalxia, si que cómpre seguir poñendo en valor a arquitectura tradicional. "Da mesma maneira que se perdeu o apego á lingua, tamén a esas construcións. Sigue presente esa asociación co inculto, co atraso e mais coa aldea", matina. "Este é un debate interesante e creo que necesario, mais non se pode partir de botar as culpas, de que as Administracións boten balóns fora ", conclúe.