Feísmo: atraso, desfeita, complexo ou ningunha das anteriores?

A palabra 'feísmo', desde a súa aparición na prensa escrita, converteuse nunha especie dun caixón de xastre que non acaba de xerar consenso nin entre a sociedade nin entre as persoas expertas.

A nosa complexa relación coa paisaxe

Carlos Coto

O primeiro que chama a atención aos que nos visitan é a cantidade de hórreos que temos, os cruceiros que nos sorprenden nas encrucilladas e a cantidade de obras en marcha que hai. Erran nesta terceira apreciación cando os turistas pensan que son edificios en construción, cando en realidade son proxectos frustrados de crear un fogar. Non é un fenómeno único en Galicia o de que tantas e tantas obras quedaran a medias, tamén se pode apreciar -en Europa- en Serbia e no norte de Portugal.

Descoñecemos as razóns polas que este fenómeno suceda nos Balcáns, pero si compartimos razóns cos veciños do norte portugués. Foi, precisamente, en Portugal onde descubrimos a razón pola que nos encontramos con tanto ladrillo, bloque e cemento á vista. Volvendo séculos atrás na nosa historia é onde encontramos unha paisaxe harmoniosa e integrada, na que as comunidades locais foron deseñando e construíndo un territorio para cubrir as súas necesidades vitais, botando man do que encontraron: a pedra e a madeira. Casas, muíños, lavadoiros, cruceiros, petos de ánimas, valados, fontes, cortes ou hórreos eran feitos dos materiais da terra, distinguíndose tamén segundo as comarcas, pero con eses dous materiais como estrutura construtiva. En determinadas zonas do país tamén chegaron a cubrir as edificacións con lousa, a pedra do interior. Na costa tiveron que poñer en marcha as primeiras industrias -familiares e humildes-: as telleiras, nas que tamén botaron man do que tiñan a man. A construción do territorio, que inclúe o urbanismo, o ciclo da auga, foi un proceso de transmisión xeracional, seguro que con moitos erros, pero no que ordenaron case toda a paisaxe, dende o monte para a leña e para as estruturas, as aldeas ao pé do monte e as agras de cultivo. Agricultura é precisamente iso, a cultura do agro e da soberanía e independencia para vivir, en comunidades solidarias e colaborativas. Foise creando cátedra de carpinteiros, de canteiros, tamén doutros oficios que se transmitiron durante oito séculos. Por diversas circunstancias que non vou describir, xurdiu o fenómeno de emigración -primeiro a América, logo a Europa- e os primeiros en marchar foron os especialistas, que levaron consigo o oficio e o coñecemento, rompéndose a transmisión do saber construtivo.

Paralelamente, chegaron novos materiais e novas industrias alleas ao próximo, e xurdiron os que en Portugal chaman O espertilhâo (chico despierto) que comezou a cambiar a madeira polo cemento e aluminio, a pedra polo ladrillo. Por outra banda, os que emigraron asociaron a pedra e a madeira coa pobreza e miseria que deixaron atrás, polo que se puxo de moda un novo xeito de construír -algo que en lugares similares a nós como Bretaña non pasou-.

Seguimos construíndo as grandes casas de antes con poucos medios, porque deixouse de botar man da terra para comprar no almacén, feito que se xuntou coa falta de profesionais que puideran orientar os propietarios sobre a súa capacidade económica de construír. Seguimos construíndo pendellos necesarios para o traballo, pero co que tiñamos no almacén: bloques, cemento, ladrillo, fibrocemento. Cincuenta anos despois é momento de botar man da teoría dos cristais rotos, que se basea nas sinerxías, e segundo vexas ao teu veciño, actúas. Esa bola de neve foi medrando, e comezou o desleixo e o desinterese por ter unha ordenación racional da contorna, cambiando as cancelas de madeira das árbores por metálicos usados das camas, e así foise construíndo o rural que podemos ver hoxe. Non entrarei no que sucedeu nas cidades e vilas, que daría para outra longa reflexión, pero coa mesma raíz: a perda do orgullo do noso. Bretaña e Asturias son dous exemplos do que Galiza podería ser hoxe se non sucederan estes feitos.


O Feísmo

Iago valverde

Un dos problemas do feísmo é que non existe definición. Que é? Hai algún estudio que determine que é ou canto hai? Penso que non. O que existe é unha idea vaga, enténdese por “facer as cousas mal”. Temática que un xornal galego constituíu como o tema urxente da arquitectura do país. Desta maneira, suponse que o gran problema do país é estético... se o que se fai é feo ou bonito. Sinceramente, paréceme algo banal e ridículo falar da estética de determinadas construcións antes de problemas estruturais do país: vivenda digna, xestionar o inmenso patrimonio que temos, desenvolvemento sustentábel, urbanismo de calidade... O feísmo non é mais que unha distracción para non falar do realmente importante, discurso que a Administración galega e moitos medios afíns asumiron. 

Considero que o que esconde esa idea de feísmo é unha superioridade moral urbana. Cando se fala dese “problema” sempre se ridiculiza vivendas, alpendres ou fechamentos no rural. Non se xulga a estética das cidades, onde non abonda o “bonitismo”. Na mesma liña, fanse bromas de certos materiais, presentes nas cidades, pero que (sen explicar por que) non se poden usar no campo. Hai materiais bos e malos? Os materiais penso non teñen condición moral... depende do uso que se lles dea, tanto na cidade como no campo. 

Por outra parte, tamén se fala de feísmo cando quedan edificacións sen rematar. Alguén pensa que hai xente á que lle gusta vivir nunha casa sen acabar? Non é un problema estético, é de natureza económica. Unha casa en ladrillo sen revestir é moi posíbel que teña problemas de humidade e frío, o que afecta á saúde dos propios moradores. Polo tanto, estase culpabilizado a vítima. 

Na idea do feísmo está implícito un auto-odio presente en certa elite urbana. Como se no noso país fose o único no que se fan chafalladas! É evidente que é preferíbel un territorio con edificacións ben rematadas e onde haxa un gran coidado ao medio, mais iso non se consegue ridiculizando a quen non ten medios. 

Hai que ter en conta que no rural atópase unha poboación avellentada e con poucos recursos xestionando un inmenso territorio, que ademais de sufrir a dificultade de acceder a servizos básicos, ten que aturar un urbanita ríndose del porque fechou a leira cun somier. A idea do feísmo é un erro de base, o problema non estético... é ético. Tampouco imos negar que no noso país hai un conflito entre o saber artesanal da arquitectura popular e a industrialización dos saberes construtivos. Pero este conflito non se pode circunscribir a un conflito estético. Non se pode reducir a feo ou bonito.