SI HAI SAíDA DI QUE NOS FESTIVOS O 016 NON ACTIVA OS PROTOCOLOS DE EMERXENCIA

Denuncian o mal servizo do 016 ás vítimas de violencia de xénero en días feriados

016

A asociación contra a violencia de xénero Si, Hai Saída recibe denuncias de vítimas que advirten da escasa axuda que lles proporcionou o teléfono de atención 016 durante pontes e feriados. A responsábel da asociación esíxelle á Xunta de Galiza mudanzas profundas no servizo.

 

Nunha conversa con Sermos Galiza, a portavoz da asociación contra a violencia de xénero Si, Hai Saída, Marta Rodríguez, dá conta da existencia de denuncias que lle chegan á entidade sobre as deficiencias do funcionamento do 016, o número de teléfono ao servizo das vítimas da violencia machista. A Xunta de Galiza informa de que froito dun acordo co Goberno central, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito territorial de Galiza derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria precise 

“Non é a primeira vez que unha vítima chama en festivo ao 016 e o primeiro que lle din é que busque onde agocharse e que chame a Comisaría, pois desde alí ninguén pode axudala”, sinala a responsábel da entidade, quen, despois de escoitar varias testemuñas sen conexión entre elas, decidiu chamar ela propia ao 016. “Chamei ao número e aínda continúo esperando pola explicación sobre o escaso servizo que prestan e alí ninguén se fai responsábel de nada”, engade.

"O 016 non pode ser un trámite burocrático nin un call centre"

Marta Rodríguez, que tamén sufriu na súa pel a violencia machista, salienta que mesmo se dirixiu por escrito á Secretaría Xeral de Igualdade para coñecer o funcionamento do servizo “e a día de hoxe sigo sen resposta”. O grave, afirma, é que o servizo do 016 pode supoñer unha vida máis”. “O 016 non pode ser un trámite burocrático, nin un call centre”, critica.

“Non necesito chamar o 016 para que o único que me digan é que vaia á comisaría da policía”, expón a responsábel de Si, Hai Saída, “hai vidas en xogo e para moitas mulleres o 016 é a única ferramenta da que dispoñen, por iso me resulta especialmente grave o tipo de atención que presta e por iso me incomodan os anuncios da Xunta sobre o 016 na prensa cada vez que morre asasinada unha muller”.

A asociación Si, Hai Saída considera que o 016 debería activar protocolos de emerxencia para sacar as vítimas da situación de perigo que sofren

Para Marta Rodríguez, o 016 debe servir para que, amais de fornecer a vítima da información necesaria, se active un protocolo de emerxencia para sacala do perigo real que padece de forma inmediata. “Cando unha usuaria nos chama á asociación para dicirnos que a están maltratando actuamos xa, porque somos conscientes de que pode estar en xogo unha vida”, afirma.

A responsábel de Si, Hai Saída pon de manifesto o estado psicolóxico en que se atopan as vítimas cando sofren violencia de xénero. “A situación agrávase aínda máis sabendo o sufrimento que pasan estas mulleres. Todas elas coinciden en describir o que senten como unha nebulosa na cabeza, son conscientes do que lles está a acontecer, pero non son quen de actuar, están bloquedas”.

“Cando unha sofre episodios de violencia de xénero está nunha situación de terror total e hai cousas que non pode facer e que poden facer por ti, de aí a importancia dun bo servizo do 016”, sinala. “Uns minutos poden salvar unha vida… ou non”, conclúe.