Entre o 17 e o 21 de abril

Tradición e modernidade danse a man na Mostra do Encaixe de Camariñas

[imaxe: Museo do Encaixe]. Materiais utilizados para tecer: almofada, cartón e boliños.

Camariñas será o punto de reunión de palilleiras e deseñadores durante o trascurso da XXIX edición da festa do Encaixe. Ademais de desfiles, a música tamén tomará as rúas do concello.

A Mostra do Encaixe, declarada de Interese Turístico de Galicia, comeza hoxe en Camariñas. A vila mariñeira alberga, até este domingo, a XXIX edición dun certame comercial que mestura moda e música galega.

 

Esta festividade supón o punto de converxencia entre unha práctica tradicional como é a do encaixe e a confección moderna. Na feira expoñerán tanto asociacións e palilleiras particulares como escolas municipais infantís e grandes firmas de deseñadores. O estilista Carlos Bardullas, pola súa parte, mesturará peiteados e encaixe en diversos tocados.

 

Durante toda a Semana Santa, as persoas que se acheguen ao concello poderán asistir a múltiples desfiles de “grandes deseñadores”, “noveis deseñadores” e “pequenos deseñadores”, que se alternarán durante as cinco xornadas que dure festa.

 

Esta nova edición inaugurase hoxe ás 17 da tarde. Porén, as actividades comezarán as 11 da mañá nas vindeiras xornadas, hora na que actuarán por primeira vez no día os grupos gaiteiros. “Con toda en banda” tocará hoxe, o sábado e o domingo; “Vaiche boa” acompañará os actos desta quinta feira; e “Abrindo rejo” porá son á sexta feira.

 

Máis polo miúdo, cada día terá eventos exclusivos. Mañá, ás 18.30 horas, homenaxearase a directora do Museo do Encaixe, Raquel Moreira, e a presidenta da Asociación Rendas, María Virtudes Rodríguez. Pasado mañá, ás 19.15 horas, presentarase o spot “Eu son camariñas”.

 

O sábado, ás 16.30 da tarde, a vila acollerá a gravación en directo do programa Aquí Galicia, e ás 20 horas terá lugar “falemos de moda”, un encontro entre os deseñadores participantes. O domingo ás 11.15 horas realizarase o IV Encontro de Corais Mostra do Encaixe. Ás 19.45 da tarde daranse a coñecer os galardoados dos “noveis deseñadores” e, ás 20.30 horas, a actuación de Lucía Pérez fechará a edición.

 

As orixes da tradición

 

O encaixe de boliños de Camariñas é recoñecido a nivel internacional. A pesar de que non existe un consenso sobre a época na que o encaixe penetrou na Galiza, si hai a certeza de que, entre finais do s.XIX e principios do S.XX, o porto de Camariñas exportou grandes cantidades a América, o que contribuíu á proliferación e ao recoñecemento desta práctica.